Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 noviembre, 2023
Valga, 6 de novembro de 2023,- A entidade Telefónica S.A. procedeu nos últimos días á substitución do poste que, no lugar da Devesa (Campaña), ameazaba con derrubarse debido ao mal estado no que se atopaba. E fíxoo, despois de que o Concello lle impuxera unha multa coercitiva de 1.000 euros por incumprir o primeiro prazo outorgado para retirar a estrutura danada e cambiala por outra en bo estado e segura.
Foi o pasado 20 de outubro cando o alcalde, José María Bello Maneiro, emitiu un decreto no que outorgaba un prazo máximo de cinco días a Telefónica para que executara os traballos de substitución do poste. A parte inferior do formigón estaba demolida por completo e o resto do poste estaba tan só sostido polas varas interiores e polos cables do tendido aéreo, provocando un risco evidente de caída e potencial dano aos inmobles lindeiros, a viandantes e a vehículos.
Un informe dos técnicos municipais advertía do perigo que representaba este poste e da necesidade de adoptar, con urxencia, medidas para garantir a seguridade na zona. Foi por iso que se lle outorgou á empresa un prazo máximo de cinco días para ter rematadas as obras de substitución do poste e a estabilización dos tendidos aéreos no caso de ser necesario.
Este prazo transcorreu sen que os traballos se executasen, polo que o alcalde asinou unha nova resolución impoñendo a Telefónica unha multa de 1.000 euros e dándolle un novo prazo de cinco días para regularizar a situación do poste. Neste mesmo documento, apercibíase á compañía de que, a persistencia do incumprimento, suporía a imposición automática de novas multas.
Nos últimos días, Telefónica procedeu a executar as obras, retirando o poste vello que representaba un risco para a seguridade pública e instalando un novo. “Por fin, despois de tanto tempo, a situación na zona é segura”, sinala Bello Maneiro, que aínda así lamenta que a empresa “só decidirá actuar cando comezamos a impoñerlle sancións”.
O rexedor, lembra, que Telefónica aínda ten pendente de cumprir outra das reclamacións efectuadas polo Concello na resolución do pasado 23 de outubro: elaborar e presentar no Concello, nun prazo máximo de tres meses, un informe sobre os postes da súa propiedade que ten no termo municipal, a súa situación e un plan de mantemento dos mesmos.
Ademais, engade Maneiro, Telefónica leva tempo incumprindo o contrato de telecomunicacións asinado co Concello en febreiro de 2021, facturando cantidades por enriba do estipulado e ao non prestar todos os servizos que se recollían no citado contrato.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)