Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
The Rapants pecha a xira estival de ‘La máquina del buen rollo’ con tres concertos de balde en Lugo, Santiago e O Grove
A banda actuará hoxe ás 20.30 horas na facultade luguesa de Veterinaria e mañá, xoves 26, á mesma hora, na praza de Mazarelos, en Compostela
O peche chegará no Grove o 4 de outubro, coa actuación dos muradáns na praza do Corgo, no marco da programación da Festa do Marisco
As vindeiras datas confirmadas son no 2025: o 22 de marzo no Coliseum da Coruña e o 26 de abril no pavillón da Magdalena de Avilés para abrir os concertos de La Raíz
Muros, 25 de setembro de 2024.- La máquina del buen rollo para, mais non pecha. The Rapants ofrecerán desde hoxe, mércores 25, e até o venres 4 de outubro, os seus últimos tres directos da xira estival. Logo de percorrer ducias de salas e eventos musicais do país, que comezaron no mes de marzo cun dobre ‘sold out’ en cuestión de minutos na Sala Capitol, os muradáns achegaranse a Lugo, Santiago de Compostela e O Grove para activar o “saltón rapante” de balde.
Así, The Rapants actuará esta tarde, ás 20.30 horas (apertura de portas ás 20.15 horas) no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, no marco da programación das xornadas de benvida que a Universidade de Santiago de Compostela ofrece ao seu alumnado. O acceso será de balde e libre ata completar a capacidade do espazo. Ao día seguinte, o xoves 26, e á mesma hora (20.30h), fará o propio na praza compostelá de Mazarelos.
A última data do verán da xira de presentación de La máquina del buen rollo, o terceiro LP do grupo, chegará o venres 4 de outubro. A praza do Corgo, no Grove, acollerá -no marco da programación da Festa do Marisco- un concerto de balde dos rapantes. O acceso será libre e a organización do evento facilitará ao público os horarios nos vindeiros días.
Con estas tres últimas citas The Rapants pecha unha xira que levou aos muradáns a actuar nalgúns dos festivais máis coñecidos do país, como Portamérica, Revenidas, Noroeste Estrella Galicia, Surfing The Lérez, Osa do Mar, Carrilanas, Ourensound ou SonRías Baixas. Tamén formaron parte do cartel de eventos populares como a Festa do Albariño de Cambados ou a Festa do Champiñón de Ordes; e mesmo actuaron sobre as táboas de espazos míticos como o Náutico de San Vicente (O Grove) ou mesmo en La Sala do WiZink Center de Madrid, na que se coroaron o pasado abril como gañadores do certame Último acorde x Johnnie Walker.
As vindeiras actuacións confirmadas de The Rapants serán xa para o ano que vén. Os muradáns serán a banda de apertura dos concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de ausencia. Os rapantes abrirán os directos do grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos que estes ofrecerán o 22 marzo na Coruña (Coliseum) e o 26 de abril en Avilés (pavillón da Magdalena). As entradas están á venda nas plataformas Enterticket e Ataquilla.com.
Escrito por Líder Redacción
actuacions cultura lugo musica o grove radio lider santiago santiago the rapants
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)