AD

Comarca

“Verán en Ames 2026”, tres meses de festexos e actividades para todos os públicos

today22 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades, entres as que destacan a programación de Ames en Festas, os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia, o festival ABANEA, a Festa do Chourizo ao Viño etc.
  • Durante o verán tamén haberá un feixe de campamentos deportivos para os cativos e cativas de Ames. A oferta deportiva irá dende fútbol e baloncesto ata atletismo ou patinaxe

Ames, 22 de xuño de 2026 – O Concello de Ames vén de presentar a programación estival “Verán en Ames 2026”, que encadea tres meses seguidos cheos de actividades e festexos. Entre todas propostas programadas destacan as festas da Madalena do Milladoiro, do 1 ao 4 de agosto, e as da Peregrina de Bertamiráns, do 5 ao 9. Ademais inclúense actividades para todos os públicos: os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia ou festival ABANEA. Premendo nesta ligazón poderse obter máis información sobre a programación.

O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades, entres as que destacan a programación de Ames en Festas, os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia, o festival ABANEA, a Festa do Chourizo ao Viño etc.

Programación de xuño

A programación estival comeza hoxe, 22 de xuño, co Curso de iniciación ao piragüismo, que se celebrará os luns, mércores e venres ata o 17 de xullo, en horario de 10.30 a 11.45 horas na praia fluvial de Tapia. Esta semana tamén se levará a cabo a programación do Día do Orgullo LGTBIQ+, do sábado 26 ao domingo 28.

Xa a semana seguinte, o día 29 haberá programación dobre: por unha parte, actuará o grupo Os Melidaos en San Pedro de Bugallido; pola outra, celébrase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o festival de fin de curso da escola de danza Entre Caixas. Para rematar o mes, o martes 30 a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a actividade “Achegándonos á eclipse”, e o Pazo da Peregrina fará o propio coa IV Gala Recoñecemento Escena Galega das Artes Escénicas.

Programación de xullo

O mes de xullo arrancará co curso de Taichi e Chikung, que se celebra todos os luns e mércores dende o día 1 ata o 15, nos xardíns do Pazo da Peregrina e na contorna da piscina do Milladoiro, respectivamente. Paralelamente, o día 1 tamén comezará o curso de natación de verán, que nesta caso vaise estender ata o 31 de xullo: as piscinas de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán os cursos de Aquagym, ás 16.00 horas os martes en Bertamiráns e xoves no Milladoiro, e de Ioga, ás 10.00 horas os mércores e venres en Bertamiráns e os martes e xoves no Milladoiro.

O día 2 celebrarase, ás 19.00 horas, unha nova entrega da actividade “Achegándonos á eclipse”, desta volta no Pazo da Peregrina, mentres que o venres 3 e o sábado 4, o propio Pazo da Peregrina, xunto co bar O Transistor, acollerá a novena edición do festival Ames Jazz, que este ano contará coa participación da Orquestra Galega de Liberación.

A semana seguinte, a acción centrarase no Festival ABANEA, o mércores 8, no Pazo da Peregrina; nos Seráns de Ames, o xoves 9, en Tapia; a recepción “Veráns en Paz”, o venres 10, no Salón de Plenos da Casa do Concello; o Encontro Intercultural, o sábado 11, no parque do Ameneiral; e a Festa do Chourizo ao Viño, o domingo 12, en Ortoño.

Xa o xoves, día 16, haberá unha nova entrega dos Seráns de Ames, que desta volta transcorrerá en Biduído. Tamén ese día, e ata o 31 de xullo, empezarán as clases de Ioga terapéutico, que se desenvolverán os luns na contorna da piscina do Milladoiro e os xoves nos xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Durante esa fin de semana, o venres 17 levarase a cabo a interpretación de petróglifos e a observación do ceo no Monte do Peregrino, e o sábado 18 comezan, ás 21.00 horas, as Noites en Vela na Ponte Maceira.

Durante os últimos días do mes desenvolveranse distintas actividades, como os actos polo Día de Galicia, o xoves 23, no Pazo da Peregrina; a regata provincial de piragüismo, o sábado 25, na praia fluvial de Tapia; ou o festival Millarock, o venres 31, na Travesía do Porto do Milladoiro. Ademais, do 20 de xullo ao 14 de agosto, desenvolverase outra quenda do Curso de iniciación ao piragüismo, os luns, mércores e venres, de 10.30 a 11.45 horas.

Programación de agosto

No mes de agosto, os pratos fortes da programación serán as Festas da Madalena, que transcorrerán no Milladoiro entre os días 1 e 4, e as Festas da Peregrina, que se celebrarán entre o días días 5 e 9 en Bertamiráns.

Paralelamente, durante a primeira quincena desenvolverase o curso de natación de verán entre os días 3 e 31 nas piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, o día 6 haberá programación dobre, coa ruta “Camiñando ao solpor”, ás 20.00 horas, dende o Centro de saúde do Milladoiro, e o festival Emerxentes, que se celebrará na contorna do parque do Ameneiral. O venres 7 será a quenda da Gladiator Kids, dende as 18.30 horas en Bertamiráns.

Xa na segunda quincena do mes, o domingo 16 comezarán as Festas de Trasmonte. Posteriormente, o xoves 20, celebrarase outra entrega dos “Seráns de Ames”, en Cruxeiras, e tamén outra sesión da ruta “Camiñando no solpor”, dende o Centro de saúde de Bertamiráns, ás 20.00 horas. Para finalizar o mes, o xoves 27 haberá unha nova sesión dos “Seráns de Ames”, esta vez en Tapia, mentres que o domingo 30 darán comezo as Festas da Ameixenda.

Programación de setembro

O mes de setembro dará comezo coas Brincadeiras Miúdas, o mércores, día 2, ás 18.00 horas, na Carballeira dos Trasnos de Ventín. Posteriormente, o sábado 5 será a quenda de “Xincana Xente Nova, Comercio Vivo”, organizada por XEA entre as 20.00 e as 22.00 horas en Bertamiráns. Ese mesmo día, volverase realizar outra interpretación dos Petróglifos e observación nocturna no Monte do peregrino.

O sábado 12 será un dos días do mes, xa que se celebrará, en primeiro lugar, unha xornada gaming no pavillón municipal do Milladoiro, entre as 12.00 e as 20.00 horas e, posteriormente, entre as 19.00 e as 21.00 horas, o anexo de dito pavillón acollerá unha nova sesión do Club Xuvenil DISTRITO 13 17, chamada “Mísiles”.

Durante as últimas semanas tamén haberá unha actividade notable: os días 19 e 20 celebrarase o Mundial de Atletismo Ultrafondo 100K IAU; o venres 25, unha nova sesión do Club Xuvenil DISTRITO 13 17 cun obradoiro de fotografía, entre as 19.00 e as 21.00, no Pazo da Peregrina, e tamén a Marcha Ciclista Nocturna na Praza do Concello, ás 21.30 horas; e o sábado 26 os Xogos en Bici, dende as 17.00 horas, no aparcadoiro de Agriños.

Campus deportivos durante o verán

Máis alá das festas e actividades, durante o verán tamén haberá un feixe de campamentos deportivos para os cativos e cativas de Ames. A oferta deportiva irá dende fútbol e baloncesto ata atletismo ou patinaxe.

Deste xeito, os campus de fútbol serán os seguintes: Campus Nordés e Clínic Milladoiro SD, ambos do 22 ao 26 de xuño no campo de fútbol do Milladoiro; a Batalla de porteiros Arexia GK, os días 27 e 28 de xuño, tamén no campo de fútbol do Milladoiro; o Campus Bertamiráns FC, do 29 de xuño ao 3 de xullo e do 6 ao 10 de xullo, no campo de fútbol municipal de Bertamiráns; e o Campus do Milladoiro SD, do 1 ao 31 de xullo no campo municipal do Milladoiro.

En canto ao baloncesto, do 22 ao 26 de xuño e do 29 de xuño ao 3 de xullo, celebrarase no pavillón municipal do Milladoiro o Campus Básquet Ames. Tamén nun pavillón, pero neste caso no de Bertamiráns, celebrarase o Campus de fútbol sala de verán Santi Valladares, entre os días 22 de xuño e o 10 de xullo.

Tamén haberá dous campus de atletismo nas quendas do 22 ao 30 de xuño e do 31 de agosto ao 4 de setembro: por unha parte, o Campus Ames Atletismo Savante, que se celebrará no campo de lanzamento de Ventín; e pola outra o Campus de Atletismo Millarraio, que se desenvolverá na área deportiva do Milladoiro.

Por último, do 1 ao 31 de xullo, o CPA Omega organiza o seu campamento deportivo no IES do Milladoiro e tamén no pavillón municipal de dita localidade.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *