Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 abril, 2026
O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, reiterou hoxe o seu compromiso de retirar a estatua de Moncho Reboiras da rúa Carreira do Conde ao considerar que a súa instalación “non conta co respaldo democrático necesario nin responde ao sentir maioritario dos santiagueses”.
Verea lembrou que xa o pasado venres denunciou publicamente esta decisión, que cualificou de “suficientemente grave” por supoñer unha ruptura co modelo de acordos que historicamente guiou este tipo de recoñecementos na cidade. “Os elementos permanentes nun espazo tan emblemático como a confluencia de Carreira do Conde con Xeneral Pardiñas sempre se acordaron desde o consenso. O que fai agora o goberno é saltarse esa regra básica”, sinalou.
Neste sentido, insistiu en que segue sen obter resposta a unha cuestión clave: “Volvo preguntar o mesmo que dixen hai días: cal é a relación de Moncho Reboiras con Santiago de Compostela? Ninguén foi capaz de explicalo”. Para o líder popular, esta ausencia de vinculación evidencia que a decisión responde “a criterios ideolóxicos e non ao interese xeral da cidade”.
O dirixente popular foi claro ao marcar a súa posición: “Se en maio de 2027 hai un novo goberno presidido por min, retiraremos a estatua de Moncho Reboiras”. E xustificou esta decisión en que “unha estatua nun lugar tan simbólico require consenso, require transversalidade, require unir, non dividir”.
“Estamos vendo que isto divide: está nos debates, na rúa, nos medios de comunicación, nas redes sociais e no Parlamento. Une esta estatua aos santiagueses? Eu creo que non”, afirmou.
Verea tamén lembrou que xa lanzara un reto público á alcaldesa: “Cal é a vinculación de Moncho Reboiras con Santiago? Que relación xustifica unha estatua nun emprazamento tan simbólico como a Carreira do Conde?”. “Pasaron días e non houbo resposta”, engadiu.
Ademais, considerou que esta decisión “é o mellor retrato dun goberno completamente dirixido pola UPG e polo BNG, que non ten ningún problema en colocar unha estatua dun dos seus referentes, aínda que non una á cidade, senón que a divida”.
Finalmente, Verea contrapuxo esta actuación coa falta de respostas do goberno noutras cuestións clave: “Estamos vendo como todo o que ten que ver co BNG e co seu ámbito recibe trato de favor, mentres que os problemas reais dos santiagueses, como a vivenda ou os servizos básicos, quedan nun segundo plano”.
“Falamos de persoas do ámbito cultural, do comercio ou da vida social de Compostela que contribuíron de verdade á cidade e que si merecerían ese recoñecemento”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)