Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 abril, 2026
O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, aproveitou a súa intervención en Radio Líder para lanzar unha mensaxe clara: a cidade precisa un cambio de rumbo. Cun ton directo e sen esquivar a polémica, o tamén previsible candidato á alcaldía en 2027 fixo un diagnóstico crítico da situación actual, no que sinalou ao goberno local como responsable dunha etapa marcada pola “falta de prioridades” e por decisións que, ao seu xuízo, están a prexudicar o desenvolvemento económico e social de Compostela.
“Non me interesa tanto ser candidato como ser alcalde”, reiterou, incidindo en que o seu proxecto político non está centrado nas siglas senón en “resolver os problemas reais da cidade”. Neste sentido, destacou que o Partido Popular leva tempo consolidando unha estratexia que, segundo dixo, se reflicte nunha tendencia crecente nas enquisas cara á maioría absoluta.
Un dos puntos máis controvertidos da entrevista foi a súa postura sobre a estatua de Moncho Reboiras, recentemente instalada no centro da cidade. Verea non deixou lugar a dúbidas: “Unha estatua nun lugar tan simbólico ten que unir, e esta está a facer xusto o contrario: dividir”.
O líder popular comprometeuse a actuar se chega á alcaldía: “Se hai maioría suficiente, retirarei a estatua en 2027 pola súa falta de consenso”. Ao mesmo tempo, cuestionou a pertinencia da homenaxe: “Non se explicou cal é a vinculación real con Santiago para ocupar ese espazo”.
Para Verea, este tipo de decisións exemplifican unha forma de gobernar centrada en cuestións ideolóxicas que “non están entre as preocupacións principais dos cidadáns”.
Outro dos eixos fundamentais da súa intervención foi o turismo, sector clave na economía compostelá. Verea denunciou que Santiago leva meses rexistrando unha caída continuada de visitantes, unha situación que atribúe directamente á acción política do goberno municipal.
“Transmitiron unha mensaxe turismofóbica, sen matices, que fixo dano á imaxe da cidade”, asegurou. Segundo explicou, as declaracións e políticas impulsadas nos últimos anos xeraron un clima de rexeitamento cara aos visitantes: “Dicíase que sobraban turistas, que eran un problema, e agora que caen os datos ninguén asume responsabilidades”.
O dirixente popular puxo como exemplo a comparación con outras cidades: “Santiago, sendo unha potencia turística, está por detrás da Coruña en ocupación, algo que era impensable hai anos”. Tamén criticou medidas concretas: “A súa actuación estrela foi controlar o ruído dos turistas con sonómetros, unha imaxe que non axuda a posicionar a cidade no mundo”.
No ámbito da vivenda, Verea foi especialmente contundente ao cualificar a situación como “o principal problema de Santiago”. Segundo afirmou, o goberno local non adoptou medidas efectivas: “Non puxeron en marcha vivenda pública municipal nin desenvolveron as iniciativas que anunciaron”.
Criticou ademais a decisión de vender solo público en lugar de cedelo para a construción de vivenda protexida: “Noutras cidades estanse facendo pisos accesibles; aquí optouse por encarecer o mercado”.
Respecto á declaración de zona tensionada do alugueiro, advertiu das posibles consecuencias: “Limitar prezos pode parecer unha solución, pero noutras cidades provocou que os propietarios retiren os pisos do mercado”. Citou o caso da Coruña: “En seis meses desapareceu máis da metade da oferta de alugueiro tradicional”.
Verea tamén puxo o foco no estado de determinados barrios, denunciando situacións de abandono prolongado: “Hai zonas onde non se actuou en décadas, e iso dinos moito das prioridades do goberno”. Segundo explicou, estas queixas non son puntuais senón recorrentes nas visitas que realiza como parte do seu traballo político.
En canto á xestión económica, criticou os retrasos no pago a provedores: “Santiago está á cola en Galicia en prazos de pago, algo que afecta directamente ao tecido empresarial”.
Sobre o clima de confrontación nas redes sociais, o líder popular restou importancia aos ataques persoais: “Hai comentarios moi duros, pero forman parte da exposición pública; non bloqueo a ninguén porque creo na liberdade de expresión”. Aínda así, recoñeceu que o nivel do debate é mellorable e que moitas veces se cruzan liñas que deberían evitarse.
Escrito por Líder Redacción
alugueiro borja verea partido popular (PP) politica turismo vivenda



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)