AD

Comarca

Vila de Cruces organiza unha cata maridaxe para desfrutar con todos os sentidos do galo de curral

today16 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O prestixioso sumiller Nacho Costoya dirixirá a cata que contará con viños da Denominación Rías Baixas da subzona Ribeira do Ulla, como os de Adegas CastroBrey do municipio cruceño
  • As elaboracións do galo, en versión empanada, salpicón e o tradicional galo de curral con patacas, correrá a cargo do cociñeiro José Antonio Asorey Torres, do restaurante ‘Onde Antonio Mouriscade’
  • A actividade celebrarase o sábado 30 no Auditorio Xosé Casal ás 12 horas, no marco da XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, con prazas limitadas e inscrición previa ata o día 26 a un prezo de 5 euros por persoa

O Concello de Vila de Cruces organizará por primeira vez unha cata maridaxe no marco da XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, coa colaboración do Concello de Vedra e a comisión organizadora da «Festa do Viño da Ulla» da Asociación de Festexos Populares «San Miguel de Sarandón». A actividade celebrarase o sábado 30 de maio no Auditorio Xosé Casal ás 12:00 horas.

A cata contará con viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, da subzona Ribeira do Ulla, de Adegas CastroBrey, da parroquia cruceña de Camanzo, e outras tres adegas da subzona. Estará dirixida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya, recoñecido polo seu labor na promoción dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Actualmente está vinculado a Bodegas Arzuaga (Ribera del Duero) como delegado, ademais de dirixir multitude de catas técnicas, coordinado túneles de viño e contar cunha longa traxectoria en eventos vinícolas en Galicia.

Os viños acompañarán á degustación do galo de curral, con tres pratos diferentes elaborados polo cociñeiro e veciño de Cruces José Antonio Asorey Torres, coñecido como ‘Muñeiro’, que rexenta o restaurante ‘Onde Antonio Mouriscade’ en Lalín. Preparará empanada de galo de curral, salpicón de galo de curral, e o prato tradicional de galo de curral con patacas.

A actividade, destinada a persoas maiores de idade cun custo de 5 euros por persoa, ten prazas limitadas, polo que é preciso a inscrición previa que estará aberta ata o 26 de maio (ou ata esgotar as prazas) no correo electrónico noemi.lois@viladecruces.es. Unha vez confirmada a praza, deberase enviar o xustificante de pago ao mesmo mail nun prazo máximo de 48 horas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *