AD

Actualidad

Xuventude leva aos centros educativos un programa de prevención da adicción ás pantallas

today1 abril, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude pon en marcha un programa de prevención de adicción ás pantallas, que se vai desenvolver nos centros educativos de Compostela ao longo deste trimestre. A concelleira María Rozas explicou que o obxectivo «é responder a unha demanda e unha preocupación crecente na comunidade educativa, tanto entre as familias como entre o profesorado e o propio alumnado». Trátase, incidiu, «de reflexionar sobre o uso que se fai dos dispositivos, de identificar factores de risco, e de favorecer a convivencia en entornos dixitais».

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude presentou o programa de prevención da adicción ás pantallas nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Ramón Molina, educador social que dirixe a actividade, e por Manuel Fernández, técnico do departamento de Xuventude. María Rozas explicou que a actividade «xorde doutros programas que a concellaría vén desenvolvendo en centros educativos, nos que se percibiu a necesidade de afondar nas problemáticas relacionadas cos entornos dixitais, que non hai que demonizar porque son parte da realidade dos mozos e mozas, senón utilizar con determinadas pautas para garantir a seguridade e a convivencia».

A acción desenvolveráse nos centros educativos de Santiago, co alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO e con contidos específicos adaptados a cada grupo de idade. O obxectivo é establecer unha serie de pautas e liñas de actuación de carácter preventivo que favorezan un uso seguro, responsable e saudable dos dispositivos dixitais, identificando situacións cotiás que poden estar vencelladas a unha sobreutilización ou un uso problemático das pantallas. Tamén se pretende promover unha convivencia respectuosa en entornos dixitais, cada vez máis importantes nas relacións entre a infancia e a mocidade, así como propiciar que o propio alumnado reflexione sobre as vantaxes e os inconvenientes asociadas ás tecnoloxías da información e da comunicación, introducindo tamén os primeiros criterios de autocontrol do uso dos dispositivos.

Obradoiros adaptados a cada idade

Ramón Molina explicou que o programa «traballa desde a participación do alumnado, da súa propia realidade, para impulsar unha reflexión crítica e intentar que sexan os propios rapaces e rapazas os que sexan capaces de identificar riscos no uso que fan das pantallas e de propoñer as súas propias solucións». O obxectivo, insistiu, «é que o alumnado se sinta empoderado, que exerce o autocontrol e a autorregulación». Para iso, sinalou, «os obradoiros comezan con conversas diagnósticas, nas que se determinan cales son as situacións de partida de cada grupo e cal é a utilización real que fan dos dispositivos». A partir de aí, os obradoiros estárán adaptados a cada grupo de idade. No caso de 5º e 6º de Primaria, a actividade centraráse máis no uso dis videoxogos e do teléfono móbil, mentres que en 1º e 2º da ESO incidiráse especialmente nos problemas de convivencia no espazo dixital, estudando casos prácticos e abordando de maneira específica o ciberbullying e o rol que desempeña cada un dos protagonistas desta problemática.

O traballo desenvolveráse en grupos pequenos, para facilitar a reflexión e a participación do alumnado, e achegando sempre situacións prácticas que permiten que os mozos e mozas asuman as aprendizaxes con maior eficacia. Os obradoiros terán unha duración de dúas horas, que serán continuas no caso de Primaria e en dúas sesións no caso do alumnado de Secundaria.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%