Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 octubre, 2026
Os promotores da iniciativa cidadá ‘Objetivo 1 Tonelada’ fan realidade o envío de 14.2 toneladas de axuda humanitaria a Venezuela nunha iniciativa xurdida tras os terremotos que afectaron ao país
O envío foi posible grazas á colaboración da Fundación Araguaney, a Xunta de Galicia, LASER Airlines C.A., a Produtora Audiovisual CTV e a Embajada de Venezuela en Madrid
Santiago de Compostela, 13.10.26_ Os promotores da iniciativa cidadá ‘Objetivo 1 Tonelada’, Christian Daniel Lucas de Carvalho, José Manuel Magán Bastida, Manuel Rodríguez Pimentel e Jeysel Magán Bastida, fan realidade o envío de 14.2 toneladas de axuda humanitaria a Venezuela, distribuídas en case 1.500 caixas, nunha iniciativa xurdida tras os terremotos que afectaron ao país.
Tras meses de traballo voluntario para recoller, clasificar e preparar o material doado, a solidariedade chegada desde Galicia superou case 15 veces o obxectivo inicial. Tras tres voos internacionais, completouse o envío de todo o material a Caracas, onde o recibiu a Hermandad Gallega de Venezuela.
“Desde a ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ coméntannos que segue a ser moi necesaria toda a axuda.” – afirma Jose Manuel Magán
A axuda foi recollida, clasificada e preparada no Plató 1.100 da Produtora Audiovisual ‘CTV’, en Teo, desde onde se articulou a súa saída cara a Venezuela. A operación loxística contou coa colaboración de distintas entidades e coa coordinación da Fundación Araguaney, que se encargou de centralizar a comunicación, as reunións e as diferentes xestións necesarias para facer posible o envío.
A Xunta de Galicia é unha das entidades colaboradoras coa ‘Fundación Araguaney’. Unha axuda que se articulará mediante a sinatura dun convenio coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, mediante o cal o Goberno galego destinará 12.000 euros. A Xunta colabora así coa Fundación para facer fronte ao custo económico derivado dos gastos loxísticos necesarios para preparar e canalizar a axuda humanitaria recollida con destino á poboación afectada polos terremotos ocorridos en Venezuela no pasado mes de xuño.
A ponte aérea foi realizada por ‘LASER Airlines C.A.’, compañía que asumiu integramente o custo dos voos transatlánticos, culminando así o traslado da axuda humanitaria desde Galicia, que actualmente xa está en Venezuela.
Pola súa banda, a ‘Embajada de Venezuela en Madrid’ colaborou na catalogación da carga e na súa tramitación como axuda humanitaria, ademais de prestar o seu respaldo diplomático á operación.
O cargamento inclúe variedade de material sanitario e hospitalario de emerxencia, como gasas, suturas, xel hidroalcohólico, máscaras, luvas, alcohol, auga osixenada, vías e sondas urinarias, ademais de medicamentos de primeira necesidade. Xunto ao material médico, sumamos alimentos non perecedoiros e infantís, roupa, calzado, comida para animais e equipos de rescate e traballo compostos por cascos, botas, cordas de alta resistencia e lanternas.
No terreo, a recepción e repartición da axuda en Venezuela estará coordinada directamente pola Hermandad Gallega en Venezuela. Esta entidade canalizará os subministros cara ao Hospital Clínico Universitario de Caracas, o Hospital Infantil J. M. de los Ríos, os hospitais Domingo Luciani e Vargas, e os centros de acopio da Universidad Central de Venezuela e a Universidad Católica Andrés Bello.
Por outra banda, aquel material que foi doado en Galicia e que non cumpría cos parámetros requiridos para o transporte aéreo, como auga potable, alimentos en frascos de cristal ou roupa de inverno non apropiada para o clima costeiro da zona afectada, foi entregado previamente a ‘Cáritas’ para apoiar a familias en situación de vulnerabilidade en Galicia.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)