Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 mayo, 2026
A segunda edición de Fala que Fala, o proxecto educativo e multimedia impulsado por Radio Líder coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, pechouse este mércores na Cidade da Cultura de Galicia cunha gran gala na que participaron preto de 600 alumnas e alumnos de oito centros educativos galegos. O evento, celebrado no Edificio Fontán, converteuse nunha auténtica festa da lingua galega, da creatividade e da música feita pola mocidade.
Durante o acto, o alumnado dos diferentes institutos e colexios protagonistas desta edición recibiu os seus diplomas acreditativos tras meses participando nun innovador formato radiofónico en directo desenvolvido nos propios centros educativos. Na entrega de diplomas ao alumnado e aos centros participantes estiveron presentes Valentín García, secretario xeral da Lingua, e Begoña González, responsable de Daveiga, unha das entidades colaboradoras do proxecto. Ao longo do curso, os estudantes realizaron entrevistas, debates, xogos, reportaxes e contidos culturais en galego, demostrando que a lingua continúa máis viva e presente ca nunca entre as novas xeracións.
Un dos momentos máis emocionantes da xornada chegou coa actuación sorpresa de Tentáculo Rock, a banda formada por catro rapaces de Ames de apenas 11 anos que vén de proclamarse gañadora do concurso provincial Quero Cantar 2026 no Teatro Colón da Coruña. Carlos, Martiño, Lois e Leo sorprenderon ao público coa súa enerxía e co seu compromiso coa música en galego, converténdose nun dos grandes símbolos do relevo xeracional da música galega.
O grupo, que naceu xogando con “mazorcas de millo como baquetas e carretillas de plástico como batería”, xa conta con composicións propias e unha identidade moi definida. “Facemos as nosas letras en galego porque é a nosa lingua”, explican os integrantes dunha banda que xa pensa en novos concertos, festivais e futuras creacións musicais.
A gala tamén serviu para presentar unha das novidades do proxecto: a próxima creación da conta de Spotify Fala que Fala Galeg@s que soan, unha iniciativa que permitirá á mocidade galega escoller o tracklist das cancións que pasarán a formar parte habitual da programación musical de Radio Líder Santiago. O obxectivo é seguir dando visibilidade ao talento emerxente galego e conectar a radio coas novas formas de consumo musical da xuventude.
Durante o evento proxectouse un vídeo resumo da tempada e desenvolveuse unha entrevista aberta co secretario xeral da Lingua, Valentín García, realizada polo propio alumnado participante. Ademais, a organización preparou diversas sorpresas para celebrar o éxito dunha iniciativa que continúa medrando e consolidándose como unha referencia na promoción do galego entre a mocidade.
Nesta segunda edición participaron estudantes do IES Luís Seoane (Pontevedra), CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), IES Francisco Daviña Rei (Monforte de Lemos), IES Cacheiras (Teo), IES Castelao (Vigo), IES O Ribeiro (Ribadavia), CPI Dr. López Suárez (Friol) e CPR San Xosé de Cluny (Santiago de Compostela).
Fala que Fala conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua e do Xacobeo 2027, así como co patrocinio de Restaurante Raxoi, EME Music, Centro Comercial As Cancelas, Daveiga, A Casa do Rock, Ángel Mar Cetárea, La Galiciana, Forvigal, Seguridade A1 e Dezasete Media.
Escrito por Líder Redacción
educacion fala galego fala que fala lingua galega radio lider santiago xuventude



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)