Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Concello de Boiro colabora coa campaña da Asociación Boirense de Empresas “Compras con Corazón 2026”. O concelleiro, Marcos Fajardo, participou na presentación da campaña xunto co presidente da ABE, Daniel García.
Esta iniciativa pasa a integrarse de maneira estable no calendario anual de accións de dinamización comercial do municipio logo do éxito acadado na edición anterior ao ser finalista nos Premios Comercio Galego.
A campaña desenvolverase ata o vindeiro 23 de maio, combinando incentivos directos ao consumo co desenvolvemento de actividades lúdicas e familiares que buscan reforzar a conexión entre comercio e cidadanía.
O presidente da ABE, Daniel García, destacou durante a presentación que “Compras con Corazón non é só unha campaña de promoción, é unha ferramenta para fortalecer o vínculo entre os negocios locais e a veciñanza. Queremos que mercar en Boiro sexa unha experiencia completa, que vaia máis alá da compra e que xere comunidade”. Ademais, subliñou que “o feito de consolidala no calendario anual demostra que funciona, que o comercio responde e que os clientes valoran este tipo de iniciativas”.
Pola súa banda, o concelleiro sinalou que “o comercio local é unha peza clave na economía e na vida social do noso municipio, e campañas como esta contribúen a dinamizar as rúas e a apoiar directamente aos nosos negocios”. Engadiu tamén que “a colaboración entre o Concello e a ABE é fundamental para seguir impulsando accións que teñan impacto real no tecido empresarial”.
As persoas que realicen compras nos establecementos asociados poderán cambiar os seus tíckets por rifas, entrando así no sorteo presencial de 2.000 euros en vales de compra (un premio de 1.000 € e catro premios de 250 €), que terá lugar o 23 de maio durante a festa final.
Ademais, recibirán os chamados “Vales Corazón”, que poderán empregar ese mesmo día para acceder a degustacións gastronómicas e actividades infantís.
Co obxectivo de facilitar a participación, será a propia ABE a encargada de xestionar o cambio de tíckets por rifas e a entrega dos vales nos puntos habilitados. Como incentivo adicional, entregarase un abanico de agasallo aos 100 primeiros clientes que realicen o cambio de tíckets.
O peche da campaña terá lugar o sábado 23 de maio na Praza de Galicia, cun evento aberto á cidadanía que combinará actividades infantís, música en directo e gastronomía. A programación incluirá inchables, sesión musical, degustacións e sorteo presencial de premios.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)