AD

Comarca

A eclipse poderase ver en Ames nun 99,96% da súa totalidade

today6 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

Para a correcta visualización da eclipse, no mes de xullo, o Concello de Ames puxo á disposición das persoas empadroadas no municipio un total de 2.000 gafas especiais homologadas. Nos próximos días distribuiranse 1.600 unidades máis

As mellores localizacións para presencialo son o parque do Milladoiro, o miradoiro do campo da festa e usos múltiples de Bugallido e o miradoiro do Bosque do Peregrino, na aldea de Ventosa

Ames, 6 de agosto de 2026 – O Concello de Ames será un emprazamento privilexiado para visualizar a histórica eclipse parcial do vindeiro mércores 12 de agosto, pois segundo o Observatorio Astronómico Nacional poderase ver ata nun 99,96% da súa totalidade. Ás 20.29 horas será o punto máximo dunha eclipse que comezará ás 19.31 e finalizará ás 21.22 horas. Con motivo deste fenómeno, o Concello de Ames pon á disposición da veciñanza 1.600 gafas máis.

Ames terá un 99,96% de visibilidade da eclipse o vindeiro mércores 12 de agosto. Dito evento dará comezo ás 19.31 horas e concentrará o seu máximo esplendor ás 20.29 horas antes de finalizar ás 21.22 horas. Deste xeito, a eclipse terá unha duración total de unha hora e cincuenta e un minutos na que o sol terá unha elevación de 11.9757º e un azimut (o ángulo horizontal) de 278.226º.

Para a correcta visualización da eclipse, no mes de xullo, o Concello de Ames puxo á disposición das persoas empadroadas no municipio un total de 2.000 gafas especiais homologadas, que cumpren a normativa vixente para a observación solar. As lentes homologadas son imprescindibles para poder gozar do fenómeno de maneira segura.

Ante a gran demanda desta remesa, nos próximos días distribuiranse 1.600 unidades máis, que xa están dispoñibles nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro en horario de oficina. Ademais, o vindeiro luns 10 poranse a disposición da veciñanza do rural nos locais sociais de Tapia, Trasmonte e Bugallido entre as 19.00 e as 20.30 horas. Todo, ata rematar existencias debido á escaseza de lentes.

Non se deben empregar métodos caseiros nin materiais que non estean especificamente deseñados para a observación solar, como gafas de sol superpostas, radiografías ou gafas de soldador. Tampouco se debe mirar directamente ao Sol a través de instrumentos ópticos non adaptados para este fin, como telescopios, prismáticos ou cámaras non deseñadas para a observación solar segura.

Dende a subdelegación do goberno, non está recomendado acceder ás zonas forestais para ver a eclipse polo gran risco de incendio forestal que enfronta Galicia nestas datas estivais.

Mellores lugares para ver a eclipse

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, en colaboración con Ramón Iglesias Marzoa, veciño da aldea de Castelo e astrofísico profesional no Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, identificou tres localizacións especialmente axeitadas para a observación da eclipse do vindeiro mércores, 12 de agosto. Estas son o parque do Milladoiro, o miradoiro do campo da festa e usos múltiples de Bugallido e o miradoiro do Bosque do Peregrino, na aldea de Ventosa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *