Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 mayo, 2026
Teatro do Noroeste está a preparar unha nova produción unipersoal, Polo de Franco, unha comedia protagonizada por Luma Gómez que vén de recibir na gala de entrega dos XXX Premios Maria Casares o Premio de Honra Marisa Soto 2026 á súa traxectoria.
Luma Gómez é a gran dama do teatro galego que a pesar de levar 40 anos na profesion continua en activo que agora interpreta a personaxe deste espectáculo unipersoal.
O espectáculo, escrito e dirixido por Eduardo Alonso, é unha comedia que xira arredor da figura histórica Carmen Polo, a esposa do ditador franquista.
Eduardo Alonso autor prolífico do teatro contemporáneo galego ten un especial interese no traballo de textos ambientados na guerra civil, posguerra e franquismo. De feito, este xa sería o súa sexta obra dramatúrxica sobre esta temática. Desenvolveu o proceso creativo a partir dun traballo de investigación e documentación histórica que foi trasladado a unha linguaxe teatral nun formato accesible para o público contemporáneo.
É unha revisión accesible, crítica e con enfoque de xénero da historia recente promovendo a memoria democrática, con especial atención no público adolescente e a mocidade. Este espectáculo é froito dunha investigación histórica.
O proxecto pon o foco nunha personaxe femenina que na historia do noso país foi tradicionalmente situada nun segundo plano nos relatos oficiais. A través dunha proposta escénica que combina humor, ironía, rigor histórico e proximidade, constrúe un diálogo interxeracional co presente que cuestiona a representación do poder na historia.
O espectáculo, producido por Teatro do Noroeste, conta coa colaboración do Concello de Brión, onde se levará a cabo a estrea e a residencia técnica da montaxe.
A estrea terá lugar no Centro Social Polivalente de Brión o sábado 16 de maio de 2026 ás 20:30h para público xeral, despois da entrega dos Premios Laudamuco. Tamén contará cunha segunda función o luns 18 de maio, que será unha representación para público xuvenil na que participará o alumnado do IES de Brión.
SOBRE LUMA GÓMEZ
A actriz Luma Gómez vén de recibir o Premio de Honra Marisa Soto 2026, distinción que lle recoñece a xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) á súa traxectoria profesional como unha das figuras imprescindibles no teatro galego.
Luma é a gran dama do teatro galego que non deixa, aínda a día de hoxe, de batallar para mellorar a situación deste noso sector dende todos os ámbitos, tanto asociativos, persoais ou empresariais, como tampouco deixa de protagonizar espectáculos.
Actriz cunha longa e prolífica carreira profesional. Comezou a súa actividade teatral no ano 1969, profesionalizandose en 1971. Traballou en diversas compañías teatrais e foi cofundadora de varias, entre elas Teatro do Noroeste na que segue a traballar na maioría das producións. Foi socia fundadora da AAAG. Tamén, ten traballado en múltiples montaxes do Centro Dramático Galego en papeis protagonistas.
Na súa carreira destacan papei cinematográficos como coprotagonista no papel de Marica da Fame na película El Bosque Animado de José Luis Cuerda ou protagonista no papel de Urxa na mítica Urxa de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal. En televisión realizou series como: Servizo de Urxencias (1989) na TVG ou Celia (1991) de José Luis Cuerda e José Luis Borau para TVE.
Como actriz de teatro interveu en máis de corenta espectáculos teatrais, entre outros: O enfermo imaxinario, Medea, As alegres casadas, Os xustos, Un soño de verán, Ligazón, As galas do difunto, Alta comedia, As damas de Ferrol, Ensaio, Imperial: Café cantante. Vigo 1936, Romeo e Xulieta, Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas), Glass City (Cidade de Cristal), Historias peregrinas, Linda and Freddy, ilusionistas, A mamma, Palabras malditas, Virxes Salvaxes, Gloria Nacional, Último Verán en Santa Cristina, Guerra e agora tamén protagonizará Polo de Franco.
Anteriormente xa foi galardoada co premio Honra da Fundación AISGE na XXVI edición del Ourense Film Festival (OUFF) e co Premio Xiria ao labor teatral da Mostra Internacional do teatro cómico e festivo de Cangas no ano 2015.
SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de preto de 40 anos, ten producido e distribuído máis de 45 espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros. Na súa última etapa, súmanse obras como As damas de Ferrol, Guerra ou Manual de Patronaxe, actualmente en xira por toda Galicia.
Escrito por Líder Redacción
brion Luma Gómez polo de franco teatro do noroeste



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)