Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 junio, 2026
A Estrada, 3 de xuño de 2026.- Chegados ao ecuador da semana, os preparativos para a XIII Feira da Sidra intensifícanse. Despois de falar do nacemento de Son de Lagar, a antesala musical que quentará motores na noite do venres para o evento sidreiro, e de que a Asociación Maceira e Sidra dera a coñecer que o Grolo de Ouro será este ano para Sagardoaren Lurraldea, o concelleiro estradense de Promoción Económica, Óscar Durán, aportou hoxe outras novidades que acompañarán a celebración. Zona tranquila na
alameda, posto de venda das sidras presentes na degustación ou case 80 metros de barra son algunhas delas.
A décimo terceira edición da Feira da Sidra será a que teña a barra de degustación meirande, atendendo tamén a que se incrementa o número de lagares participantes (24, de 5 países). Cada un deles contará con, aproximadamente, 3,5 metros para expoñer e escanciar os seus caldos, de xeito que a barra de degustación se situará nos 80 metros. Terá unha configuración rectangular, axustándose ás propias características da carpa de gran formato instalada na Praza da Constitución, que ofrece 800 metros cadrados para acoller o certame.
A disposición dos sidreiros buscará, ademais, favorecer a rotación, convidando ao público a que recolla a súa sidra e deixe sitio na barra para que accedan outras persoas.
Como xa se foi avanzando estes días, a degustación terá dúas quendas. Pola mañá, abrirase ás 12.00 e chegará ata as 15.00. Pola tarde, poderá degustarse sidra de 19.30 a 21.00.
Para saborear os caldos presentes nesta edición, a Praza da Constitución estará salpicada de parasois e puntos para a degustación. Ademais, nun extremo da praza haberá unha zona de sombra con pérgola que terá mesas.
Como novidade deste ano, a organización tamén preveu unha zona tranquila, prioritariamente destinada a persoas maiores, familias, mulleres embarazadas ou persoas con mobilidade reducida. Será na alameda, a carón da fonte. Haberá unha decena de mesas e parasois e estase valorando a posibilidade de servir sidra a estas mesas, tendo en conta que os seus usuarios preferentes poden ter dificultade no acceso á zona da barra.
Venda anticipada
Por outra banda, as peticións de reserva chegadas a través das redes sociais e doutras vías animaron á organización a ampliar o tempo da venda anticipada de vasos. Aínda que inicialmente estaba previsto pechala hoxe, finalmente venderanse tamén vasos mañá xoves e o venres, de novo en horario de mañá e no posto habilitado ao efecto no interior do Novo Mercado.
Nesta edición haberá tamén un posto de venda directa de botellas de sidra na que os interesados poderán atopar os caldos que estarán presentes na degustación. Estará emprazado, previsiblemente, a carón do posto que se montará para a venda dos vasos de degustación o propio sábado. Neste último sentido, a organización continúa animando a aproveitar a venda anticipada para evitar as colas o día da feira.
Tardeo
Atendendo ao bo funcionamento do formato “tardeo” tanto en edicións anteriores coma na Festa do Salmón e co obxectivo de manter o ambiente festivo durante toda a xornada, a XIII Feira da Sidra contará cun “tardeo” na Rúa Serafín Pazo. Arrancará despois de que remate a degustación matutina, ás 16.00 horas. Continuará ata as 19.00 e parará para seguir coa música e a degustación de tarde na Praza da Constitución.
Rematada a feira, ás 21.00 horas, retomarase o ambiente en Serafín Pazo, chegando á medianoite.
Para a XIII Feira da Sidra resérvanse 4.000 vasos de degustación e 1.000 litros máis de sidra que na edición anterior, chegando aos 5.000.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)