AD

Actualidad

Santiago pon en marcha un servizo de información en materia de alugueiro

today4 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, anunciou este mércores en rolda de prensa un pioneiro servizo municipal de información e asesoramento en materia de alugueiro residencial que o Concello de Santiago activará este mes, e que se enmarca no Plan de medidas correctoras dos desequilibrios na zona de mercado residencial tensionado aprobado na última Xunta de Goberno Local.

Iago Lestegás concretou que este servizo municipal será prestado a través da entidade sen ánimo de lucro Provivienda e que o seu obxectivo é mellorar a información sobre as ferramentas existentes para garantir o dereito a unha vivenda digna e adecuada, así como ofrecer un acompañamento personalizado para resolver dúbidas e incidencias relacionadas co mercado de alugueiro. “Trátase dunha ferramenta para garantir o acceso á información clara, actualizada e accesible, contribuíndo á resolución de dúbidas das persoas arrendadoras ou arrendatarias”, destacou.

O responsable municipal de Vivenda defendeu que se ben “non é posible solucionar un problema global exclusivamente dende o local”, este goberno municipal “dende o minuto cero actúa con todas as ferramentas ao seu dispor e no marco das súas competencias para abordar a crise da vivenda”.

A partir do 15 de xuño

O servizo comezará a funcionar a partir do 15 de xuño e terá, inicialmente, unha duración de 12 meses. Prestarase de forma telefónica, telemática e presencial dous días á semana en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os venres prestarase en modalidade presencial na sede de Urbanismo, sita no número 8 da rúa das Casas Reais, e outro día á semana prestarase por teléfono. En caso de que o día de atención sexa festivo, a atención trasladarase ao día laborable inmediatamente anterior. Habilitarase tamén un correo electrónico para responder consultas e para solicitar cita para atención presencial.

O concelleiro indicou que o luns 15 comunicarase o teléfono e o correo electrónico deste servizo nunha presentación pública na que participará tamén Provivenda. En relación a esta entidade do terceiro sector, destacou o seu coñecemento especializado xa que traballa dende 1989 para facilitar o acceso á vivenda con implantación en Santiago de Compostela, onde desenvolve varios proxectos de inclusión residencial. “Queremos darlle un espazo ao terceiro sector e fomentar a súa participación no relativo ao acceso á vivenda, onde ten un gran potencial”, remarcou Lestegás.

No marco do Plan de medidas correctoras da ZMRS

Este servizo forma parte das actuacións incluídas no Plan de medidas correctoras dos desequilibrios na zona de mercado residencial tensionado (ZMRT), aprobada o pasado luns en Xunta de Goberno Local, e concretamente na medida C3: mellorar a colaboración con outras administracións e co terceiro sector. Coa súa posta en marcha, o goberno municpal dá un paso máis na implementación da súa folla de ruta en materia de vivenda.

A crecente complexidade regulatoria do mercado de arrendamento residencial motiva a posta en marcha deste servizo municipal, co fin de mellorar o coñecemento de ambas as partes sobre os seus dereitos e deberes para reforzar o cumprimento da normativa, nomeadamente tras a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado.

Servirá ademais para crear un sistema de rexistro e seguimento das consultas que permitirá elaborar informes trimestrais e un informe anual sobre a situación do mercado de alugueiro residencial en Santiago, cunha finalidade estatística.

Asesoramento a persoas a arrendatarias e arrendadoras

Tanto as persoas arrendadoras como arrendatarias poderán beneficiarse deste servizo, que proporcionará información e asesoramento sobre calquera cuestión relativa ao alugueiro residencial.

Entre outras cuestións, ofrecerá información sobre a normativa vixente, con énfase na regulación aplicable nas zonas de mercado residencial tensionado ou as modificacións recentes da Lei de arrendamentos urbanos e outras medidas con incidencia no mercado de alugueiro.

Tamén orientará as persoas arrendatarias sobre como deben proceder ante a imposición por parte das persoas arrendadoras de contratos de tempada ou fórmulas de alugueiro por cuartos que non cumpran a normativa vixente e as condicións aplicables.

Dará asesoramento ás persoas arrendatarias sobre como deben proceder en casos de incumprimento dos límites legais do prezo do alugueiro ou outras condicións aplicables aos contratos de alugueiro de vivenda.

Asesorará sobre o prezo máximo aplicable a cada contrato, sobre os dereitos e obrigas que derivan da declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado e sobre as demais medidas previstas na lexislación, como por exemplo os incentivos no IRPF previstos na lei para os arrendamentos de vivenda que cumpran determinadas condicións de prezo ou de perfil arrendatario. Tamén informará sobre as prórrogas aplicables aos contratos.

Desaceleración da subida de prezos

Iago Lestegás aludiu aos datos publicados polo Observatorio de Vivenda de que reflicten “certa desaceleración do encarecemento do alugueiro no noso municipio”, mais puxo por diante que a situación “segue a ser inasumible, por iso é necesario regular o prezo do alugueiro”.

En concreto, entre 2024 e 2025 o prezo medio do alugueiro aumentou un 6,2% en Santiago e un 7,7% en Galicia; mentres que aumentou un 9,5% en 2023-2024 e un 8,9% en 2022-2023.

O número de contratos de aluguer aumentou un 2,2% en Santiago e un 0,5% en Galicia entre 2024 e 2025.

No relativo á compravenda, segundo os datos publicados polo Ministerio de Vivenda, entre o primeiro trimestre de 2025 e o primeiro trimestre de 2026 o valor taxado medio de vivenda libre aumentou en Santiago un 13,4%, en Galicia un 13,3% e en España un 13,9%.

Lestegás lembrou que das 374 vivendas autorizadas entre 2023 e 2025 en edificios de vivenda colectiva de nova planta, a metade (186) son vivendas protexidas.

Diante destes datos, o concelleiro constatou que “o problema da vivenda non é un problema local de Santiago de Compostela; é un problema global que se manifesta tamén aquí na nosa cidade, cunha dinámica de prezos moi similar á galega”.

Redución dos pisos turísticos

Por outro lado, o concelleiro de Vivenda referiuse aos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), segundo os cales entre agosto de 2024 e novembro de 2025 o número de vivendas turísticas en Santiago diminuíu de 661 a 374. Trátase dunha redución do 43,4% pouco máis dun ano a consecuencia do labor de inspección e control desenvolvido polo Concello de Santiago en exercicio das súas competencias en materia urbanística.

O concelleiro referiuse tamén á anulación do rexistro de pisos turísticos do Estado e subliñou que “non afecta en absoluto o labor que vén desenvolvendo o Concello”.

O alugueiro turístico ten consideración de uso terciario, e por tanto debe ter título habilitante municipal de natureza urbanística distinto e independente da autorización sectorial autonómica para operar legalmente, como confirmaron os tribunais.

Lestegás explicou que o labor municipal, que desenvolve o servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística, céntrase en verificar a legalidade urbanística dos pisos turísticos que operan no municipio, ordenar a suspensión de actividade dos que carecen de autorización municipal e tramitar os procedementos correspondentes: procedementos de declaración de ineficacia de comunicacións previas, procedementos de reposición da legalidade urbanística e procedementos sancionadores.

Iago Lestegás informou de que o Concello impuxo tres sancións por expedientes incoados en 2025: dúas de 30.050,61 euros e outra de 18.030,37 euros, esta última cunha redución do 40% por recoñecer o interesado a súa responsabilidade.

Ademais, no que vai de ano fixéronse 85 inspeccións no marco do labor de control de pisos turísticos que realiza o Concello.

Este labor que tamén se materializa na redución do número de aloxamentos inscritos no REAT: dende xaneiro de 2024 (811) o número de aloxamentos inscritos na categoría “vivendas de uso turístico” caeu un 25% (608 en xuño de 2026).

O Concello comunícalle á Axencia de Turismo de Galicia cada un dos procedementos que tramita en relación con pisos turísticos ilegais, mais este rexistro segue incluíndo centos de aloxamentos turísticos en Santiago de Compostela que non cumpren os requisitos para exercer a actividade, lamentou Lestegás, quen defendeu que “a Axencia de Turismo de Galicia debería comprobar se un establecemento cumpre os requisitos antes de inscribilo no REAT”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *