AD

Comarca

Abalde destaca o traballo conxunto da Garda Civil e a Policía Local para garantir a seguridade en Rianxo

today9 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • A taxa de criminalidade sitúase en 29,37 delitos por cada mil habitantes, moi por debaixo das medias provincial, galega e estatal.
  • A Xunta Local abordou tamén a coordinación do dispositivo das Festas da Guadalupe 2026 e os datos do Plan Director e do sistema VioGén.

Rianxo, 9 de xuño de 2026. O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade de Rianxo xunto ao alcalde do Concello, Julián Bustelo, nun encontro no que se analizou a situación da seguridade cidadá no concello, a protección das vítimas de violencia de xénero e a coordinación dos dispositivos previstos para as Festas da Guadalupe 2026.

Durante a reunión, Julio Abalde destacou os bos datos de seguridade que presenta o municipio e puxo en valor o traballo conxunto das forzas de seguridade. “A colaboración e o excelente traballo conxunto existente entre a Garda Civil e a Policía Local é fundamental para seguir mantendo os altos niveis de seguridade dos que goza Rianxo”, sinalou.

A taxa de criminalidade do concello sitúase actualmente en 29,37 delitos por cada mil habitantes, unha cifra significativamente inferior ás medias provincial, galega e estatal. Neste contexto, o subdelegado lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma máis segura de España e que España continúa sendo un dos países máis seguros de Europa.

A Xunta Local de Seguridade serviu tamén para avanzar na coordinación entre as distintas administracións de cara aos diversos eventos festivos deste verán e, sobre todo, ás Festas da Guadalupe 2026, declaradas Festa de Interese Turístico de Galicia. O dispositivo especial terá en conta a elevada afluencia de visitantes prevista entre os días 11 e 18 de setembro, especialmente durante a tradicional procesión marítima do domingo 13, un dos actos máis representativos da festa, na que centos de embarcacións acompañan á Virxe mentres se interpreta a popular “A Rianxeira”.

Plan Director

Durante a reunión presentáronse tamén os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, unha iniciativa do Ministerio do Interior desenvolvida neste concello pola Garda Civil. No curso 2025-2026, dos catro centros educativos existentes en Rianxo, dous solicitaron actividades do Plan Director. En total impartíronse 23 accións formativas, das que oito foron sobre ciberseguridade, oito sobre acoso escolar, dúas sobre violencia de xénero e cinco sobre delitos de odio.

Estas actividades contaron coa participación de 480 persoas entre alumnado, profesorado e familias. Julio Abalde destacou a importancia destas iniciativas preventivas para fomentar a convivencia e sensibilizar á comunidade educativa fronte aos principais riscos que afectan á mocidade.

Violencia de xénero

Outro dos asuntos abordados foi a protección das vítimas de violencia de xénero. Na provincia da Coruña existen actualmente 2.688 casos activos no sistema VioGén. O Concello de Rianxo forma parte deste sistema de seguimento e protección das vítimas impulsado polo Goberno de España. Ademais, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o municipio recibiu un total de 78.732,40 euros desde o ano 2018, dos que 13.234,06 euros corresponden á anualidade de 2025.

O subdelegado reiterou o compromiso do Goberno de España coa protección das vítimas e coa colaboración institucional para reforzar as medidas de prevención, atención e seguimento da violencia machista.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *