AD

Comarca

Os viños das IXPs da Coruña danse cita en Boiro

today10 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento do Concello de Boiro acolle o vindeiro luns 15 de xuño o evento Encontros en Lab Barbanza / Experiencias BoViño. O alcalde, José Ramón Romero, participou na presentación do evento xunto co seu promotor, Suso Santamaría, e outros participantes.

Trátase dun encontro de profesionais da hostalaría e o turismo que xira en torno ao viño de quilómetro cero e ás IXP da Coruña: Terras de Barbanza e Iria e Terra de Betanzos. “Unha xornada de promoción dos nosos viños de cara á hostalaría na que hai anotadas mais de 80 empresas do sector e na que van participar 10 adegas que presentarán 23 proxectos que se van poder catar”, afirmou Suso Santamaría.

A xornada estará moderada e dirixida polo presidente da Asociación de Sumillieres Galegos (AGASU), Juanjo Figueroa Treus, e contará ca presentación das adegas e cata de viños así como por varios relatorios e un networking final e maridaxe con produtos gastronómicos de proximidade.

A xornada comezará co relatorio “Do mar á terra e da terra á mesa: innovación biotecnolóxica para a viticultura” impartido por Elena Fontán, de Orixe Salgada; e tamén “Como e por que potenciar, apoiar e comercializar o viño km0” de Fernando Mayoral, Mellor Sumillier de España 2024.

Cada adega disporá de 15 a 20 minutos para presentar a súa historia, filosofía e viños en formato storytelling e farase tamén a cata dos seus viños. Para finalizar haberá unha degustación conxunta de todos os viños participantes maridados con elaboracións baseadas en produtos emblemáticos da ría como o mexillón, xouba e outros produtos do mar e da terra presentados en diferentes propostas.

A actividade está promovida por A Pousada Producións e conta co financiamento da Deputación da Coruña. O alcalde, josé Ramón Romero, agradeceu o “gran traballo que se está a realizar arredor dos viños da IXP Terras de Barbanza e Iria que aínda son descoñecidos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *