Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 junio, 2026
Ames, 22 de xuño de 2026 – O Concello de Ames vén de presentar a programación estival “Verán en Ames 2026”, que encadea tres meses seguidos cheos de actividades e festexos. Entre todas propostas programadas destacan as festas da Madalena do Milladoiro, do 1 ao 4 de agosto, e as da Peregrina de Bertamiráns, do 5 ao 9. Ademais inclúense actividades para todos os públicos: os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia ou festival ABANEA. Premendo nesta ligazón poderse obter máis información sobre a programación.
O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades, entres as que destacan a programación de Ames en Festas, os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia, o festival ABANEA, a Festa do Chourizo ao Viño etc.
Programación de xuño
A programación estival comeza hoxe, 22 de xuño, co Curso de iniciación ao piragüismo, que se celebrará os luns, mércores e venres ata o 17 de xullo, en horario de 10.30 a 11.45 horas na praia fluvial de Tapia. Esta semana tamén se levará a cabo a programación do Día do Orgullo LGTBIQ+, do sábado 26 ao domingo 28.
Xa a semana seguinte, o día 29 haberá programación dobre: por unha parte, actuará o grupo Os Melidaos en San Pedro de Bugallido; pola outra, celébrase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o festival de fin de curso da escola de danza Entre Caixas. Para rematar o mes, o martes 30 a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a actividade “Achegándonos á eclipse”, e o Pazo da Peregrina fará o propio coa IV Gala Recoñecemento Escena Galega das Artes Escénicas.

Programación de xullo
O mes de xullo arrancará co curso de Taichi e Chikung, que se celebra todos os luns e mércores dende o día 1 ata o 15, nos xardíns do Pazo da Peregrina e na contorna da piscina do Milladoiro, respectivamente. Paralelamente, o día 1 tamén comezará o curso de natación de verán, que nesta caso vaise estender ata o 31 de xullo: as piscinas de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán os cursos de Aquagym, ás 16.00 horas os martes en Bertamiráns e xoves no Milladoiro, e de Ioga, ás 10.00 horas os mércores e venres en Bertamiráns e os martes e xoves no Milladoiro.
O día 2 celebrarase, ás 19.00 horas, unha nova entrega da actividade “Achegándonos á eclipse”, desta volta no Pazo da Peregrina, mentres que o venres 3 e o sábado 4, o propio Pazo da Peregrina, xunto co bar O Transistor, acollerá a novena edición do festival Ames Jazz, que este ano contará coa participación da Orquestra Galega de Liberación.
A semana seguinte, a acción centrarase no Festival ABANEA, o mércores 8, no Pazo da Peregrina; nos Seráns de Ames, o xoves 9, en Tapia; a recepción “Veráns en Paz”, o venres 10, no Salón de Plenos da Casa do Concello; o Encontro Intercultural, o sábado 11, no parque do Ameneiral; e a Festa do Chourizo ao Viño, o domingo 12, en Ortoño.
Xa o xoves, día 16, haberá unha nova entrega dos Seráns de Ames, que desta volta transcorrerá en Biduído. Tamén ese día, e ata o 31 de xullo, empezarán as clases de Ioga terapéutico, que se desenvolverán os luns na contorna da piscina do Milladoiro e os xoves nos xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Durante esa fin de semana, o venres 17 levarase a cabo a interpretación de petróglifos e a observación do ceo no Monte do Peregrino, e o sábado 18 comezan, ás 21.00 horas, as Noites en Vela na Ponte Maceira.
Durante os últimos días do mes desenvolveranse distintas actividades, como os actos polo Día de Galicia, o xoves 23, no Pazo da Peregrina; a regata provincial de piragüismo, o sábado 25, na praia fluvial de Tapia; ou o festival Millarock, o venres 31, na Travesía do Porto do Milladoiro. Ademais, do 20 de xullo ao 14 de agosto, desenvolverase outra quenda do Curso de iniciación ao piragüismo, os luns, mércores e venres, de 10.30 a 11.45 horas.
Programación de agosto
No mes de agosto, os pratos fortes da programación serán as Festas da Madalena, que transcorrerán no Milladoiro entre os días 1 e 4, e as Festas da Peregrina, que se celebrarán entre o días días 5 e 9 en Bertamiráns.
Paralelamente, durante a primeira quincena desenvolverase o curso de natación de verán entre os días 3 e 31 nas piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, o día 6 haberá programación dobre, coa ruta “Camiñando ao solpor”, ás 20.00 horas, dende o Centro de saúde do Milladoiro, e o festival Emerxentes, que se celebrará na contorna do parque do Ameneiral. O venres 7 será a quenda da Gladiator Kids, dende as 18.30 horas en Bertamiráns.
Xa na segunda quincena do mes, o domingo 16 comezarán as Festas de Trasmonte. Posteriormente, o xoves 20, celebrarase outra entrega dos “Seráns de Ames”, en Cruxeiras, e tamén outra sesión da ruta “Camiñando no solpor”, dende o Centro de saúde de Bertamiráns, ás 20.00 horas. Para finalizar o mes, o xoves 27 haberá unha nova sesión dos “Seráns de Ames”, esta vez en Tapia, mentres que o domingo 30 darán comezo as Festas da Ameixenda.
Programación de setembro
O mes de setembro dará comezo coas Brincadeiras Miúdas, o mércores, día 2, ás 18.00 horas, na Carballeira dos Trasnos de Ventín. Posteriormente, o sábado 5 será a quenda de “Xincana Xente Nova, Comercio Vivo”, organizada por XEA entre as 20.00 e as 22.00 horas en Bertamiráns. Ese mesmo día, volverase realizar outra interpretación dos Petróglifos e observación nocturna no Monte do peregrino.
O sábado 12 será un dos días do mes, xa que se celebrará, en primeiro lugar, unha xornada gaming no pavillón municipal do Milladoiro, entre as 12.00 e as 20.00 horas e, posteriormente, entre as 19.00 e as 21.00 horas, o anexo de dito pavillón acollerá unha nova sesión do Club Xuvenil DISTRITO 13 17, chamada “Mísiles”.
Durante as últimas semanas tamén haberá unha actividade notable: os días 19 e 20 celebrarase o Mundial de Atletismo Ultrafondo 100K IAU; o venres 25, unha nova sesión do Club Xuvenil DISTRITO 13 17 cun obradoiro de fotografía, entre as 19.00 e as 21.00, no Pazo da Peregrina, e tamén a Marcha Ciclista Nocturna na Praza do Concello, ás 21.30 horas; e o sábado 26 os Xogos en Bici, dende as 17.00 horas, no aparcadoiro de Agriños.
Campus deportivos durante o verán
Máis alá das festas e actividades, durante o verán tamén haberá un feixe de campamentos deportivos para os cativos e cativas de Ames. A oferta deportiva irá dende fútbol e baloncesto ata atletismo ou patinaxe.
Deste xeito, os campus de fútbol serán os seguintes: Campus Nordés e Clínic Milladoiro SD, ambos do 22 ao 26 de xuño no campo de fútbol do Milladoiro; a Batalla de porteiros Arexia GK, os días 27 e 28 de xuño, tamén no campo de fútbol do Milladoiro; o Campus Bertamiráns FC, do 29 de xuño ao 3 de xullo e do 6 ao 10 de xullo, no campo de fútbol municipal de Bertamiráns; e o Campus do Milladoiro SD, do 1 ao 31 de xullo no campo municipal do Milladoiro.
En canto ao baloncesto, do 22 ao 26 de xuño e do 29 de xuño ao 3 de xullo, celebrarase no pavillón municipal do Milladoiro o Campus Básquet Ames. Tamén nun pavillón, pero neste caso no de Bertamiráns, celebrarase o Campus de fútbol sala de verán Santi Valladares, entre os días 22 de xuño e o 10 de xullo.
Tamén haberá dous campus de atletismo nas quendas do 22 ao 30 de xuño e do 31 de agosto ao 4 de setembro: por unha parte, o Campus Ames Atletismo Savante, que se celebrará no campo de lanzamento de Ventín; e pola outra o Campus de Atletismo Millarraio, que se desenvolverá na área deportiva do Milladoiro.
Por último, do 1 ao 31 de xullo, o CPA Omega organiza o seu campamento deportivo no IES do Milladoiro e tamén no pavillón municipal de dita localidade.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)