Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 junio, 2026
• A programación incluirá un obradoiro de maquillaxe para todos os públicos e teatro familiar
• A concelleira Mariló Saco lerá o manifesto institucional ás 13.00 horas
Padrón. 25-6-2026.- O Concello de Padrón conmemorará o vindeiro domingo 28 de xuño o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ cunha xornada festiva, participativa e aberta a toda a cidadanía baixo o lema Padrón con orgullo. A Praza de Macías converterase durante a mañá nun espazo de encontro e celebración da diversidade a través dunha programación gratuíta pensada para persoas de todas as idades. “Dende o goberno de Padrón defendemos un concello aberto, diverso e acolledor”, asegura Mariló Saco, concelleira de Igualdade.
A iniciativa busca promover valores como o respecto, a igualdade e a liberdade, ao tempo que contribúe a visibilizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero desde unha perspectiva inclusiva e accesible para toda a veciñanza.
A programación arrancará ás 11.00 horas co obradoiro Rostros con orgullo, unha proposta de maquillaxe libre e sen xéneros impartida por Meiga-i, dirixida a todos os públicos. A actividade
convida a experimentar coa creatividade e a expresión persoal nun ambiente aberto e participativo.
Ás 12.00 horas será a quenda de Migallas Teatro, que representará a obra familiar Elas pintan moito, un espectáculo pensado para desfrutar en familia e achegar ás crianzas e ás persoas adultas referentes femininos e valores de igualdade a través das artes escénicas.
A continuación, ás 13.00 horas, Mariló Saco lerá o manifesto institucional do Día do Orgullo. O programa pecharase ás 13.15 horas cun concerto de Broken Peach, unha das formacións galegas con maior proxección, recoñecida pola súa potente posta en escena e a súa capacidade para conectar con públicos de todas as idades.
Toda a xornada estará conducida por Meiga-i, que exercerá de mestra de cerimonias e dinamizadora das diferentes actividades.
A participación en todas as actividades será libre e gratuíta ata completar a capacidade dos espazos.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)