AD

Actualidad

Santiago reafirma o seu compromiso coa defensa das políticas con perspectiva LGBTIQ+

today26 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O acto central do Día do Orgullo LGTBIQ+ abriuse cunhas palabras de benvida da rexedora que reiterou o compromiso institucional «coas persoas e co colectivo na defensa do seu dereito a vivirmos en diversidade». A continuación, participou alumnado do IES Antón Fraguas, do IES Rosalía e do IES do Sar coa lectura de poemas, que correu a cargo de Ana Jorquera e Rubén Lago, de 1º de Bacharelato do IES Rosalía; de Leyda Babarro e Roi Ferreiro, de 4º da ESO do IES Antón Fraguas; e de Antela Aldoza, de 3º da ESO do IES do Sar. Tamén tivo palabras no acto a delegada da reitora para Igualdade Lorena Añón, que reafirmou a implicación da USC coa visibilidade.

Lectura do manifesto

Os concelleiros e concelleiras Mercedes Rosón (non adscrita), Marta Abal (PSOE), Borja Rubio (PP), María Rozas (Compostela Aberta) e Míriam Louzao (BNG), así como a propia alcaldesa leron a continuación o declaración institucional aprobada polo Pleno municipal o pasado 28 de maio con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI+, que se celebra o 28 de xuño, data que conmemora a revolta de Stonwall que se produciu en Nova York en 1969, considerada como o nacemento do movemento LGBTI moderno.

Comezou a lectura Mercedes Rosón subliñando que “o pasado 17 de maio conmemoramos, ademais do Día das Letras Galegas, o Día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia. Lembramos o 36º aniversario desde que a Organización Mundial da Saúde excluíse a homosexualidade do Catálogo Internacional de Enfermidades. Deste xeito, a despatoloxización converteuse no primeiro paso de cara ao recoñecemento efectivo e real do que xa entón, e con máis forza hoxe, é un clamor da nosa comunidade: a diversidade de ser, de querer, e de sentir non é só un dereito individual, senón tamén un imperativo ético de toda sociedade democrática. Como Administración Pública mais tamén como parte desa sociedade clamorosa, o Concello de Santiago de Compostela asumiu hai anos o seu papel na loita contra a fobia e o odio”.

A continuación, Marta Abal lembrou que “xa en 2020, o pleno municipal aprobaba a creación dun servizo de asesoramento LGTBIQ+, que fornecese de apoio xurídico e psicolóxico ás persoas de cada unha das letras deste acrónimo, ao tempo que se fomentaba un espazo seguro, estable e de dinamización e sensibilización comunitaria no noso concello. Este servizo viu finalmente os seus primeiros pasos en maio de 2025. Do mesmo xeito, a Policía Local de Compostela foi a primeira do país en dar un paso adiante e realizar actividades formativas en materias como delitos de odio ou atención policial á diversidade, nunhas actividades que xa teñen realizado en varias edicións”.

Borja Rubio indicou: “facémolo tamén con iniciativas como “Compostela Diversa”, que xera un tecido social e tamén empresarial a prol da visibilización e divulgación das diferentes maneiras de ser, sentir e querer; ou co protocolo “Troula Segura” que loita tamén contra da violencia LGTBIfóbica no ocio nocturno. Compostela asume o seu papel como vangarda na sensiblilización social e na loita conxunta xunto coas persoas do colectivo, co apoio ás diferentes entidades do tecido asociativo presentes no concello. Estas medidas, na liña da garantía da igualdade formal das persoas, chegan por desgraza de xeito limitado á igualdade material. As accións deste concello e de calquera administración, á vista das estatísticas relacionadas con incidentes de odio, teñen que amplificarse e chegar a un maior número de persoas, sobre todo de xente nova. E máis nunha realidade, como a presente, en que a LGTBIfobia, a misoxinia, o racismo, a xenofobia e as diferentes modalidades de odio parece verse intensificadas por discursos de odio dende púlpitos públicos, nunha nova onda reforzada de odio que mostra os dentes cun nivel notable de hostilidade”.

Continuou María Rozas, que apuntou que “Os movementos de dereita extrema trasladan ao público discursos de opresión, pretenden erosionar os dereitos das persoas migrantes, das mulleres e das persoas do colectivo, converténdose en verdadeiras sabotaxes do sistema democrático. Movementos organizados e financiados que, especialmente en redes sociais, dirixen o seu discurso a persoas novas con mensaxes contra o feminismo e a loita LGTBIQ+. Son os antecedentes e o alimento directo dos incidentes de odio. As medidas públicas postas en marcha, que deberan facer parte dun mínimo común en todas as entidades públicas, deben facer fronte ás inercias dunha sociedade heteropatriarcal que se mostra na forma de exclusión e precariedade laborais, discriminacións no acceso á vivenda, negación de servizos sanitarios, trabas administrativas para axeitar a documentación á identidade sentida… e na súa modalidade máis brutal e extrema, agresións verbais e físicas que, para alén dos seus danos inmediatos, xeran un prexuízo evidente na forma de temor a simplemente estar na rúa, exclusión de espazos, abandono escolar…”

Míriam Louzao toman a palabra para salientar que “sen prexuízo dos avances acadados a través das medidas públicas desenvolvidas, cómpre reiterar a máis firme condena de toda manifestación de violencia homófoba, en particular das agresións físicas motivadas pola intolerancia e polo rexeitamento da diversidade, tanto na nosa cidade, como se viu recentemente, como en calquera outro lugar do mundo. Compostela quere levantar unha voz unánime fronte ao odio: terá diante e en contra toda a forza das nosas institucións, mais tamén da nosa comunidade. Ao tempo, queremos mostrar unha única posición ás persoas do colectivo LGTBIQ+, e calquera en risco de vulnerabilidade: sodes veciñas e veciños do noso concello e teredes o máximo apoio da Administración Local e na loita a prol dos dereitos e do recoñecemento da diversidade. O Concello de Santiago de Compostela non dará pasos atrás”.

Pechou a lectura a alcaldesa que destacou “o Concello de Santiago de Compostela reafirma o seu compromiso coas políticas e accións públicas decididas na prevención e erradicación das violencias, e no apoio consciente e transversal ás persoas do colectivo LTGBIQ+, non só desde o cumprimento das nosas obrigas, senón tamén desde o convencemento e a convicción de que acompañar a diversidade é o noso deber cívico e o noso compromiso coa cidadanía”.

Goretti Sanmartín deu lectura ao acordo final da Declaración institucional no que se indica que “o pleno desta Corporación, por unanimidade, quere manifestar: o apoio, solidariedade e afecto ás vítimas de agresións fóbicas na nosa cidade, así como ás súas familias; a máis absoluta e firme condena a calquera forma de discriminación ou violencia cometida coa base no odio contra as persoas e, especialmente, contra calquera agresión, verbal ou física, realizada desde a fobia ás persoas pola súa orientación sexual, a súa identidade sexual ou a súa expresión de xénero; o recoñecemento pleno dos dereitos das persoas a seren, sentiren e quereren con liberdade; o compromiso de toda a Corporación coa diversidade, a loita contra a violencia lgtbifóbica e os comportamentos e discursos de odio; o obxectivo común de progresar no esforzo colectivo e comunitario de cara a unha sociedade plural, diversa e libre de comportamentos negadores dos dereitos das persoas a ser e sentir”.

Programa de actividades no mes do Orgullo

Esta acto encádrase no programa de actividades pensado para celebrar o mes do orgullo, que tamén inclúe teatro, roteiro histórico, faladoiro, exposición participativa, e a Gala do Orgullo que se celebrará o sábado 27 en Mazarelos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *