AD

Comarca

Padrón converterase nun gran escenario medieval do 3 ao 5 de xullo

today26 junio, 2026

Fondo
share close
AD

• Anxo Arca e Chus Campos destacan a Feira Medieval como un dos grandes escaparates turísticos e culturais do verán
• O irmandamento con Arjonilla volverá ocupar un lugar central cun xantar de confraternidade e a peregrinación conxunta ata Santiago
• Pechará a programación o espectáculo de lume Fire Dragons, que ten o récord Guinnes a laparada máis longa do mundo

Padrón. 26-6-2026.- O Concello de Padrón converterá de novo o seu casco histórico nun gran escenario medieval coa celebración da Feira Medieval, que terá lugar do 3 ao 5 de xullo con máis de 90 postos. Durante tres días, veciñanza e visitantes poderán mergullarse nun ambiente inspirado na Idade Media a través dun mercado tradicional, demostracións de antigos oficios, animación permanente, espectáculos de gran formato e unha programación que supera o medio cento de actividades pensadas para todos os públicos. A compañía Pablo Méndez Performance presentará os espectáculos Quimera, que fusiona maxia, mitoloxía e danza acrobática, e o de lume Fire Dragons, co récord Guinnes da laparada máis longa do mundo.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron esta mañá a programación oficial da décimo novena edición da Feira Medieval, unha cita xa plenamente consolidada como un dos grandes atractivos do verán padronés e un importante motor para a actividade comercial, hostaleira e turística da vila.

A presentación desenvolveuse aos pés do monumento a Macías o Namorado, no Xardín Botánico, un escenario cargado de simbolismo que lembra os vínculos históricos entre Padrón e Arjonilla (Xaén), municipios irmandados arredor da figura do lendario trobador medieval.

Precisamente, ese irmandamento volverá ter un protagonismo especial nesta edición. A delegación de Arjonilla realizará o Camiño de Santiago desde Tui ata Padrón, onde será recibida oficialmente o sábado no Concello. Esa mesma xornada celebrarase un xantar de confraternidade que reunirá representantes institucionais e veciñanza de ambos municipios.

O domingo, o Concello anima tamén á cidadanía a sumarse á última etapa da peregrinación entre Padrón e Santiago de Compostela, acompañando á delegación xienense nun percorrido que simboliza a amizade e a colaboración que unen ambas localidades.

Durante a presentación, Anxo Arca, destacou que “a Feira Medieval é unha das grandes citas culturais e turísticas de Padrón, unha oportunidade para dinamizar a economía local e para seguir fortalecendo os lazos con Arjonilla a través dunha historia compartida arredor da figura de Macías o Namorado”.

Pola súa banda, Chus Campos convidou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar “nunha fin de semana pensada para vivir as rúas de Padrón, gozar do ambiente medieval e descubrir unha programación variada para todas as idades”.

Un mercado medieval cheo de vida

A Feira Medieval abrirá as súas portas o venres 3 de xullo coa apertura do mercado, dos postos artesáns e das demostracións de antigos oficios. A primeira xornada incluirá tamén unha das actividades máis singulares da programación: a cata dos aceites El Trovador, de Arjonilla, dirixida pola doutora Brígida Jiménez Herrera. A actividade celebrarase ás 19.00 horas no restaurante Rivera, con inscrición previa e prazas limitadas.

Ao longo da fin de semana, as rúas de Padrón encheranse de música, teatro, personaxes fantásticos, malabares, maxia e animación itinerante da man dos grupos Gaeloc, Mazmorra e Miracus, así como das compañías La Nariz Roja, MocMoc e Pablo Méndez Performances, que recrearán un ambiente medieval durante toda a celebración.

A programación presta tamén unha especial atención ao público infantil e familiar, con obradoiros participativos, xogos tradicionais, pintacaras, atraccións, tren medieval e diferentes espectáculos repartidos ao longo das tres xornadas.

Entre as propostas máis agardadas destacan os espectáculos da compañía Pablo Méndez Performances. O sábado 4, ás 23.00 horas, a praza de Macías acollerá Quimera, unha produción que combina maxia, mitoloxía, danza acrobática e unha potente posta en escena visual.

Como broche final, o domingo ás 22.30 horas, o mesmo escenario será o punto de encontro para Fire Dragons, un espectáculo de lume que ostenta o récord Guinness da laparada máis longa do mundo e que promete pechar a Feira Medieval cunha exhibición de gran impacto visual.

Nesta edición, a Feira Medieval contará con 90 postos de artesanía, alimentación e gastronomía, consolidándose como unha das grandes citas do calendario estival de Padrón e un evento capaz de atraer cada ano a milleiros de visitantes á vila.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *