Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 junio, 2026
A actividade, organizada pola Concellería de Turismo, celebrarase o sábado 4 de xullo na antiga Casa de Correos e permitirá coñecer as claves do fenómeno astronómico que poderá observarse o vindeiro 12 de agosto
A Concellería de Turismo do Concello de Arzúa, dirixida por Begoña Balado, organiza o sábado 4 de xullo a charla «A eclipse das nosas vidas» e un obradoiro práctico, dúas actividades abertas ao público para descubrir por que a eclipse total de sol do próximo 12 de agosto será un acontecemento extraordinario e como prepararse para vivilo con todas as garantías.
A xornada estará guiada por Dosi Veiga, licenciado en Física, responsable de AstroGalicia e do proxecto Ceos Galegos e coautor, xunto a Jorge Mira, do documento do Consello da Cultura Galega “Esperando a eclipse total de sol. Recomendacións para as administracións públicas e a cidadanía”.
Programa da xornada
As actividades desenvolveranse na antiga Casa de Correos. A charla «A eclipse das nosas vidas» dará comezo ás 12.00 horas e permitirá aos asistentes descubrir que fai tan especial esta eclipse, que poderá verse ao longo do fenómeno e por que se trata dun evento único que non volverá repetirse en centos de anos.
A continuación, ás 13.00 horas, celebrarase un obradoiro práctico no que os participantes aprenderán a construír unha cámara escura para observar a eclipse con seguridade, coñecerán o uso correcto dos filtros solares, descubrirán diferentes sistemas para proxectar a imaxe do sol e recibirán orientación para organizar pequenas observacións públicas.
Arzúa, punto estratéxico para a observación da eclipse
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta iniciativa porque «a eclipse solar do 12 de agosto representa unha oportunidade única e queremos que Arzúa estea preparada para vivila nas mellores condicións. O noso concello será un punto comarcal estratéxico para a observación deste fenómeno, polo que é importante ofrecer á cidadanía ferramentas para desfrutalo con seguridade».
A actividade é gratuíta, pero require inscrición previa a través do correo electrónico info@turismoarzua.gal, xa que as prazas son limitadas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)