Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 julio, 2026
Boqueixón, 9 de xullo de 2026.- O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o chef Álex Iglesias presentaron esta mañá os “Tardeos no Pico Sacro”, unha iniciativa do Concello para poñer en valor o seu enclave turístico máis importante, que acaba de ser elixido pola Xunta para converterse en Ben de Interese Cultural, a través dunha nova e completa oferta cultural, turística e gastronómica.
Ovidio Rodeiro salienta que “comezamos unha nova andaina no Pico Sacro, este monte mítico e lendario, cunha programación moi ambiciosa onde por primeira vez incorporamos un servizo de food-truck e ampliamos a programación cultural para que o visitante poida desfrutar destas fermosas vistas e da posta de sol nas tardes dos venres, sábados e domingos, festivos e vésperas de festivos”. O alcalde convida non só á veciñanza de Boqueixón senón “ a todas as persoas que queiran coñecer o Pico Sacro con visitas guiadas e degustar os produtos da zona dunha food-truck con pratos inspirados nas nosas tres festas de interese turístico: a Filloa de Lestedo, o Entroido dos Xenerais da Ulla de Sergude e as Carrozas de San Cidre do Oural”.
Food-truck e visitas guiadas
Un punto no que incidiu o propio Álex Iglesias, en cuxa food-truck “Sabores que te suben ao Pico” non só se poderán tomar cafés, augas e refrescos, senón degustar tamén propostas con produtos locais, como unha hamburguesa con queixo Bo Queixo, ou postres como a Tarta de Lestedo ou as filloas de Lestedo con crema e avelá servidas hoxe. Como ben asegura, “cada bocado conta unha festa, cada receita conta Boqueixón”. A food-truck prestará servizo todos os venres, sábados, festivos e vésperas de festivos, en horario de 15:00 a 22:30 horas; así como os domingos, de 12:00 a 20:30 horas.
Paralelamente, o Concello de Boqueixón ofrecerá un servizo de visitas guiadas ao Pico Sacro nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro. Unhas visitas de 1 hora de duración nas que o técnico municipal de Turismo presentará aos turistas as múltiples facetas do Pico So O horario das visitas será de mércores a domingo, con saída do aparcamento do Pico Sacro ás 12:00, 16:00, 18:00 e 20:00 horas. En casos, sobre todo, de grupos numerosos recoméndase reservar praza no mail boqueixonturismo@gmail.com ou no 981 513 061.
Actividades
A maiores, o Concello de Boqueixón ten preparada unha ampla programación cultural para dinamizar este espazo con actuacións musicais, recitais, conferencias… Un programa que arrinca este sábado 11 de xullo coa oitava edición do ciclo “Un mes e Pico”, que inclúe catro actividades na contorna do monte Ilicino. Así, a programación cultural paralela e gratuíta no Pico Sacro inclúe neste mes de xullo:
– Sábado 11 de xullo, ás 10:00 horas. Ciclo “Un mes e Pico”. Actividade: “O Pico Sacro e os catro elementos da natureza”, unha iniciativa de conexión co Monte Sagrado a través dos catro elementos da natureza mediante dinámicas de mindfulness, movemento consciente e arteterapia.
– Venres 17 de xullo, ás 19:30 horas. Brais das Hortas presenta o seu espectáculo “Consertasso na horta”, dirixido a un público familiar.
– Sábado 18 de xullo, ás 19:00 horas. Ciclo “Un mes e Pico”. Conferencia “Historia e lendas do Pico Sacro a través de gravados e imaxes”, con Henrique Neira e Pablo Sanmartín. Capela de San Sebastián.
– Domingo 19 de xullo, ás 19:00 horas. Ciclo “Un mes e Pico”. Conferencia “O que fan as montañas sagradas: testemuñas antigas e sentidos presentes desde os Andes”, con Thibault Saintenoy. Capela de San Sebastián.
– Venres 24 de xullo, ás 19:00 horas. Ciclo “Un mes e Pico”. Conferencia “Eclipses na historia e nas culturas”, con César González García. Capela de San Sebastián.
– Xoves 30 de xullo, ás 20:00 horas. “Noite máxica, noite meiga”, recital poético musical cos poetas Peter Brea, Ivan Pardo (Varviak), Alejandro G Calderón (raizausente) e Ana Valín (Mirlo Blanco). Coa actuación da cantautora María Carolina e unha sesión de pintura en directo a cargo de Miguel Tierra.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)