AD

Comarca

200 mozos da Ruta Quetzal chegan a Boqueixón

today10 julio, 2026

Fondo
share close
AD

Ademais de visitar o monte Ilicino, onde algúns mesmo compartiron a experiencia de durmir neste lendario lugar, fixeron parada na queixería Bo Queixo e hoxe visitaron a fábrica de Tartas Lestedo antes de afrontar a derradeira etapa do Camiño de Inverno cara Compostela

Boqueixón, 10 de xullo de 2026.- Boqueixón recibiu onte xoves e hoxe venres aos 200 participantes da Ruta Quetzal 2026, unha das expedicións xuvenís de carácter educativo e cultural máis recoñecidas de España que este ano percorre Galicia para conmemorar os 900 anos do Reino de Galicia baixo a lenda: “Tras as pegadas de Urraca a Temeraria”. Unhas pegadas que na tarde de onte xoves os levaron ata o Pico Sacro, onde foron recibidos polo alcalde, Ovidio Rodeiro Tato.

O alcalde boqueixonés puxo en valor unha vez máis o Pico Sacro: “monte mítico e lendario que ademais conta coas mellores vistas da comarca de Santiago. Un lugar dende o cal o peregrino podía ver as torres da Catedral e saber que xa estaba a só unha xornada de completar o Camiño de Santiago”. Ovidio Rodeiro felicitou aos mozos por formar parte deste iniciativa, que recolle os mellores expedientes educativos de toda España nados no ano 2010, e agradeceu á organización que incluíra Boqueixón no itinerario desta edición.

Estancia en Boqueixón

Pola súa banda, o coordinador da Ruta Quetzal 2026 e fillo do seu fundador, Íñigo de la Quadra Salcedo, entregoulle ao alcalde unha placa conmemorativa en agradecemento pola colaboración prestada durante estes dous días en terras de Boqueixón. Unha visita que arrincou onte xoves, ás 12:00 horas, cunha visita á queixería Bo Queixo, dende onde continuaron a pe ata o Pico Sacro, catro quilómetros que percorreron para chegar a xantar ao pe do monte Ilicino.

Tras o saúdo do alcalde, Francisco Canosa Martínez, doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo, destacou os valores xeolóxicos do Pico Sacro, unha montaña de cuarzo nun territorio caracterizado polo granito que o converten nunha auténtica singularidade xeolóxica. Ademais, os seus 533 metros de altura e o feito de que estea libre de contaminación lumínica fan del un excelente punto de observación astronómica, tal e como comentou o propio Íñigo de la Quadra Salcedo aos mozos e mozas que solicitaron pasar a noite na contorna da Capela de San Sebastián, nunha charla ofrecida a medianoite.

Previamente, a rapazada empregou a tarde para percorrer libremente o Pico Sacro, co asesoramento nalgúns puntos do técnico municipal de Turismo de Boqueixón, que lles ampliou detalles sobre as covas, a capela e a fortaleza do monte ilicino. Finamente, o escritor e profesor nado en Lestedo (Boqueixón), Xosé Manuel Lobato, faloulles aos rapaces e rapazas de como Dona Urraca escapara coas tropas ao Pico Sacro e contoulles tamén detalles da lenda xacobea da Raíña Lupa.

Hoxe venres, a expedición saíu do polideportivo municipal de Lestedo camiño á fábrica de Tartas Lestedo, onde foron recibidos por Orlando Vázquez, xerente de Tartas Lestedo, empresa familiar que distribúe tartas artesáns desde Boqueixón a toda Galicia. Tras visitaren a fábrica, degustaron as tartas para colleren forzas para afrontar os 12 derradeiros quilómetros do Camiño de Inverno cara Santiago de Compostela.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *