Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 julio, 2026
O Concello de Boqueixón ofrece unha noite poético-musical no entorno do Pico Sacro, un faro natural que bica o ceo a 530 metros de altura neste municipio. O recital en cuestión terá lugar o vindeiro xoves día 30 como peche deste segundo mes de verán e acollerá na ladeira da montaña unha mistura única de poesía, música e pintura. O acto dará comezo ás 20.00 horas, aproveitando o alongamento dos días e permitirá aos asistentes ver o paso do atarceder ao anoitecer. A hora aproximada de peche será as 22.00 horas.
Aínda que a actividade se presenta como proposta de balde solicítase inscrición previa a través do concello (cultura@boqueixon.es/ 981513 115). Para todos aqueles que queiran achegarse, recoméndase que acudan con mantas, toallas ou esteiras para colocarse sobre a herba e disfrutar do espectáculo. Ofrécese ademais o servizo dunha foodtruck para os que desexen adquirir bebidas. Este servizo estará presente ao longo dos meses de xullo e agosto no Pico todas as fins de semana.
O acto será presentado pola poeta afincada en Vedra, Ana Valín (Mirlo Blanco), autora do texto En las latitudes de un miedo políglota; quen estará acompañada dos tamén poetas Peter Brea, coorganizador dentro da Asociación Eco Cultural LACRAR do Poetry Slam Carral e Iván Pardo (Varviak), finalista de dito Slam neste 2026. Únese tamén o poeta asturiano Alejandro G. Calderón (Raíz Ausente), autor do poemario La orquesta alada: Silencio en cuatro movimientos, quen tamén foi finalista de dito Slam neste ano. Entre versos e versos amenizará a velada a cantante e compositora María Carolina, quen conta con formación musical e do mundo do teatro, destacando polo seu papel de Wendla en Millo (2022), adaptación ao galego de Spring Awakening. Completa este equipo o pintor monfortino Miguel Tierra Rodríguez, que inspirado polos poemas e a melodías dos seus compañeiros, así como pola propia paisaxe, pintará unha peza en directo que servirá de testemuña desta noite máxica.
Segundo Ana Valín, esta é unha aposta pola unión de disciplinas arísticas a desenvolverse nun contexto único. “Eu creo que xa está máis que demostrado que o mundo da arte ten moito que dicir, está presente nos rincóns máis insospeitados e pode acoplarse a calquer situación ou espazo para encender conciencias, espertar emocións, axudarnos a reconectar con nós mesmos, permitirnos un vínculo co entorno máis inmediato (natural ou non), posicionarnos ante cuestións elementais e en definitva, facer forza como colectivo para promover cambios”, explica.
Esta proposta únese a moitas outras impulsadas polo Concello de Boqueixón para realizarse entre os meses de xullo e agosto no entorno do Pico. Algunhas delas son: un concerto familiar a cargo de Brais das Hortas (17 de xullo ás 19.30); unha sesión de respiración consciente (Breathwork) no Centro de Interpretación (24 de xullo ás 19.00); unha charla sobre a inminente chegada do eclipse (27 de xullo ás 20.30) que se une á propia observación do mesmo, o día 12 de agosto; unha quedada fotográfica con obradoiro de edición de fotos (22 de agosto) ou unha tarde musical con discomóvil, TardeoPico (22 de agosto).
Segundo o alcade de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, “o Pico Sacro é un dos lugares máis emblemáticos e máxicos de Galicia, un espazo onde se dan a man a historia, a lenda, a natureza e o patrimonio como escenario para unha programación cultural que convida a vivir experiencias únicas”.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)