Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 julio, 2026
Arzúa, 9 de xullo de 2026. O Concello de Arzúa destinará 398.214,94 euros a catro obras promovidas desde a área municipal de Obras, da que é responsable o alcalde, Xoán Xesús Carril. Os investimentos permitirán mellorar dúas pistas das parroquias, ampliar a rede de saneamento no Camiño da Empegada e rehabilitar a Casa Lagoeiro para destinala a vivenda de emerxencia social.
Nos vindeiros días serán adxudicadas as obras das dúas pistas e da ampliación do saneamento. No caso da Casa Lagoeiro, aprobarase o expediente de contratación e abrirase o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.
A actuación de maior investimento corresponde á pista que comunica Sisto e Salmonte, na parroquia de Pantiñobre, cun orzamento de 166.875,94 euros. Os traballos inclúen a renovación do firme con novo aglomerado, a reparación das zonas máis deterioradas, a limpeza das gabias para facilitar a saída da auga e o pintado da sinalización horizontal. Tamén se instalará un tramo de barreira de seguridade.
Na pista que une Santa María coa igrexa de San Salvador investiranse 56.508,21 euros. A obra permitirá repoñer o pavimento, reparar os puntos en peor estado, limpar as gabias e renovar a sinalización horizontal.
As dúas intervencións mellorarán a seguridade e as condicións de circulación en pistas utilizadas a diario pola veciñanza das parroquias.
O Concello destinará 84.955,18 euros á ampliación da rede municipal de saneamento no Camiño da Empegada. A obra permitirá levar este servizo á zona mediante a instalación de novas tubaxes, pozos de rexistro e un sistema de bombeo que conectará coa rede xa existente.
A rehabilitación da Casa Lagoeiro contará cun investimento de 89.875,61 euros. O inmoble será acondicionado para o seu uso como vivenda de emerxencia social, destinada a dar unha resposta temporal a persoas ou familias que atravesen unha situación de especial necesidade.
Coa aprobación do expediente de contratación iniciarase o proceso para seleccionar a empresa que executará as obras.
“Cada unha destas obras responde a unha necesidade concreta: arranxar pistas utilizadas todos os días, levar o saneamento a unha nova zona e contar cunha vivenda municipal para atender situacións de emerxencia social. Son investimentos que se traducirán en melloras directas para a veciñanza”, sinala o alcalde e responsable da área de Obras, Xoán Xesús Carril.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)