AD

Comarca

Lg1do, Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss, protagonistas do II Festival Emerxente de Ames

today13 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explicou que “este festival xurdiu despois da proposta de dous rapaces de Bertamiráns e de Brión, que querían dispor dun espazo para poder actuar diante do público. Para nós é importante darlle unha oportunidade aos artistas locais e da contorna, para que teñan a oportunidade de darse a coñecer, e ao mesmo tempo, apoiar á mocidade que fai música urbana, para que teñan ese apoio que algunhas veces necesitan por parte das institucións”

A concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, dixo “estamos moi orgullosas de dar continuidade ao Festival Emerxente, con artistas mozos/as da contorna, que comezan a destacar no panorama musical urbano e que están logrando un gran impacto nas plataformas dixitais. É unha oportunidade para dar a coñecer a calidade e diversidade musical da mocidade, polo que esperamos que teña moi boa acollida por parte da veciñanza”

Ames, 13 de xullo de 2026.- O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o xoves 6 de agosto a segunda edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer aos artistas mozos e emerxentes do concello, e da súa contorna, unha plataforma onde poder presentar os seus traballos en directo. Este ano contarase como cabeza de cartel co artista Lg1do, e coas actuacións de Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. A cita, organizada polo departamento de Mocidade do Concello de Ames, forma parte do programa de Ames en Festas 2026.

Esta mañá presentouse no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, a segunda edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que pretende ser un espazo onde os mozos e mozas de Ames e da súa contorna que están a comezar no mundo da música, poidan ter unha plataforma onde presentar os seus traballos e darse a coñecer en directo.

Á presentación asistiron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez; a técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde; Pelayo González, cantante de Lepayitss, e Daniel Prieto, produtor e coñecido artisticamente como PRTO, que son dous dos impulsores do Festival Emerxente de Ames;  Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss, catro dos artistas que van actuar no festival deste ano.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explicou que “este festival xurdiu despois da proposta de dous rapaces de Bertamiráns e de Brión, que querían dispor dun espazo para poder actuar diante do público. Para nós é importante darlle unha oportunidade aos artistas locais e da contorna, para que teñan a oportunidade de darse a coñecer, e ao mesmo tempo, apoiar á mocidade que fai música urbana, para que teñan ese apoio que algunhas veces necesitan por parte das institucións”.

O rexedor municipal tamén destacou que “o ano pasado actuaron neste festival dous rapaces de Ames, MR. T e Komojo, que xa están realizando carreira musical fóra de Galicia, co cal vese que a súa actuación neste festival serviulles como apoio na súa carreira. Este ano o que buscamos coa presencia de Lg1do é darlle un maior peso ao festival, para que acuda máis xente, e que poida ver en directo a estes rapaces e rapazas que están comezando”.

A concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, dixo “estamos moi orgullosas de dar continuidade ao Festival Emerxente, con artistas mozos/as da contorna, que comezan a destacar no panorama musical urbano e que están logrando un gran impacto nas plataformas dixitais. É unha oportunidade para dar a coñecer a calidade e diversidade musical da mocidade, polo que esperamos que teña moi boa acollida por parte da veciñanza”.

Por outra banda, interviron durante a presentación Pelayo González, cantante de Lepayitss, e Daniel Prieto, produtor e coñecido artisticamente como PRTO, que son dous dos impulsores do Festival Emerxente de Ames.

Daniel Prieto dixo que “a primeira edición do festival estivo moi ben e naceu dunha idea que tiñamos de dar concertos a partir dun álbum que sacamos en conxunto. Presentámoslle esta idea ao Concello de Ames, que se mostrou receptivo e fomos evolucionando esta idea ata a organización deste festival. Este ano imos traer a un artística xa coñecido como é Lg1do co obxectivo de que o público que o veña ver, aproveite para coñecer a outros artistas que están comezando e menos coñecidos”.

Daniel Prieto engadiu “creo que hai moito talento na nosa contorna e apostar por elo e rendible para o Concello de Ames. Ao mesmo tempo é beneficioso para os artistas porque crea comunidade e lazos de unión entre os artistas participantes. Ao Concello dálle prestixio que artistas que comezaron en Ames, vaian evolucionado a súa carreira ata ser grandes músicos. Os que non acaban sendo grandes artistas, polo menos tiveron a oportunidade de darse a coñecer”.

Pelayo González explicou “este ano temos grandes expectativas con este festival ao traer a un artista coñecido como é Lg1do. Queremos que o público que veña ver a Lg1do tamén poida coñecer o resto de artistas emerxentes. A nosa idea é darlle continuidade no tempo a este festival e que se converta nunha referencia da música urbana emerxente”.

Cabeza de cartel: Lg1do

Como cabeza de cartel actuará Saúl Rodríguez Maroñas, nado en Santa Comba, e máis coñecido coma Lg1do, que fai música en galego de estilo urbano, trap e reguetón. Lg1do comezou a súa traxectoria musical de xeito afeccionado, creando temas e diferentes programas de composición en SoundCloud co seu teléfono móbil. As súas primeiras composicións datan do ano 2021, sendo pequenas pezas de trap e bases de música que subía, en castelán, a plataformas como YouTube.

Segundo o artista, as súas influencias musicais eran Drake, C Marí e o muradés 9Louro. A finais do ano 2025, Lg1do lanzou os seus dous primeiros sinxelos: Frente a frente e Calm Down. En 2026, en colaboración co artista vigués Guzmen, publicou o tema Darche, que, en febreiro deste ano, chegou ao Top 50 da lista de éxitos virais de Spotify. No mesmo ano participou no festival Ulla Fest, no concello de Touro.

Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss

O festival emerxente deste ano contará coa participación de catro artistas solistas como son Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. Os catro estiveron esta mañá na presentación realizada no parque do Ameneiral e falaron sobre que tipo de música fan, a súa traxectoria musical e da súa participación neste festival.

A primeira en falar foi Alddara, unha artistas nada en Rianxo que na actualidade vive en Barcelona. “Fago pop urbano e chill e levo un par de anos facendo música. Comecei facendo música en castelán e agora estou facéndoa máis en galego. Na actualidade estou centrándome en facer un proxecto persoal en vez de cantar cancións doutras persoas. É fundamental facer este tipo de iniciativas porque é a maneira de darlle visibilidade á xente nova, que non dispón doutras plataformas para darse a coñecer, e para facer xuntanzas deste tipo nas que coñeces a outros artistas da industria musical que están comezando. Paréceme boa boa idea tamén para crear lazos e conexións con outros/as artistas”.

De seguido interviu Fran Saint Laurent, que explicou “comecei este ano en febreiro a facer música. Son de Santiago e na actualidade ando facendo música e dirixindo vídeoclips. Fago música urbana, movéndome entre o trap e o drells, tirando cara un estilo máis melódico. Estas iniciativas están moi ben, danos moita visibilidade, sobre todo aos que estamos comezando, e ademais permítenos coñecer xente que está comezando no mundo da música coma min”.

Dupliss, veciño de Bertamiráns, dixo “levo facendo música dende hai tempo, sen subir nada, e hai un ano comecei a subila a plataformas. Fago música de xénero underground e urbano. Este festival é unha gran iniciativa para axudar aos artistas que non teñen un gran número de visitas e reproducións e para darlles visibilidade”.

Por último, Metan, veciño do concello de Brión, explicou “fago música de estilo trap e reguetón. Xa levo preto de catro anos escribindo música. En solitario non teño publicacións, só teño colaboracións por agora, pero dentro de pouco vou empezar a  publicar cancións en solitario para poder subilas e cantalas en concertos. Este tipo de iniciativas é algo que necesitan estes xéneros musicais e as persoas que están crecendo e empezando a publicar música. O ano pasado participei neste festival como invitado no concerto de Lepayitss e Prieto e foi unha boa experiencia”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *