Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ana Calvo Viturro converteuse nunha das grandes protagonistas do XX Torneo Interparroquial de Fútbol 7–Concello de Rois ao proclamarse porteira menos goleada da competición, sendo ademais a única muller participante nesta edición.
A gardameta do equipo de Buxán asinou unha brillante actuación baixo os paus, encaixando tan só nove goles ao longo do torneo disputado o pasado sábado no campo do Pino, en Urdilde. O seu excelente rendemento foi decisivo para que Buxán se alzase co título de campión e acadase tamén o recoñecemento como equipo menos goleado.
A XX edición do Torneo Interparroquial reuniu dez equipos das distintas parroquias do municipio nunha intensa xornada deportiva que volveu destacar polo seu ambiente de convivencia e participación.
Desde o Concello de Rois felicitaron a Ana Calvo polo seu destacado papel na competición e puxeron en valor a súa presenza como única xogadora participante, expresando o desexo de que nas vindeiras edicións se anime a competir un maior número de mulleres.
O concelleiro de Deportes, José Luis Ares Martínez, foi o encargado de entregar os trofeos ao remate do torneo.
A clasificación final quedou encabezada por Buxán, seguido de San Pedro e Urdilde. O premio ao equipo máis deportivo foi para San Xoán, mentres que Pablo Rey Martínez, do Urdilde, rematou como máximo goleador do campionato.
Coa celebración desta vixésima edición, o Torneo Interparroquial de Fútbol 7 consolídase como unha das citas deportivas máis representativas do verán en Rois, promovendo a convivencia entre parroquias e fomentando os valores do deporte.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)