AD

Actualidad

Chaián prepárase para vivir este domingo a 50ª Festa do Escalo

today16 julio, 2026

Fondo
share close
AD

A Festa do Escalo alcanza este ano unha efeméride histórica. A celebración organizada pola Sociedade Venatoria de Santiago cumpre cincuenta anos mantendo vivo un encontro que combina tradición, natureza e convivencia arredor da pesca. Así o destacou o presidente da entidade, Carlos Rodríguez, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, onde repasou a programación da cita e aproveitou para reivindicar un maior impulso institucional para a contorna de Chaián.

Rodríguez lembrou que a festa terá lugar o domingo 19 de xullo na área recreativa de Chaián, escenario habitual dunha celebración que, segundo explicou, naceu «como unha cousa de broma, de carallada», pero que cinco décadas despois «leva xa marcando un pouco de historia nesa zona». Unha evolución que considera motivo de orgullo para unha entidade que tamén se achega ao seu centenario, xa que foi fundada en 1932.

O eixo principal da xornada volverá ser o tradicional concurso de pesca, que este ano esgotou todas as prazas dispoñibles. «Temos corenta e cinco pescadores. Este ano, se fixeramos caso a todas as solicitudes, chegaríamos tranquilamente aos setenta», explicou o presidente da Venatoria, quen recoñeceu que «dá rabia» deixar afeccionados fóra, aínda que insistiu en que «as normas hai que respectalas».

Máis alá da competición, Rodríguez subliñou o espírito de convivencia que caracteriza a festa. «O ideal é estar alí, baixo daquela carballeira, pasar o día. Como digo moitas veces, cambiar un día de praia por un día de río», afirmou, reivindicando os atractivos naturais dun espazo que cada ano reúne centos de persoas arredor da gastronomía e do contacto coa natureza.

O programa incluirá tamén unha homenaxe aos pescadores e ás persoas que fixeron posible consolidar a celebración durante medio século. «É un recordo para toda esa xente que deu os primeiros pasos para formar esta festa, porque sen eles hoxe non estaríamos aquí», sinalou Rodríguez, quen tamén quixo lembrar aos integrantes da organización falecidos ao longo destes anos.

Durante a entrevista, o presidente da Sociedade Venatoria aproveitou para insistir nunha reivindicación recorrente: a necesidade de mellorar a área recreativa de Chaián e poñer en valor un espazo que considera infrautilizado. Segundo explicou, recentemente mantivo un encontro co concelleiro de Medio Ambiente e coa concelleira de Festas do Concello de Santiago, que recoñeceron «que era viable dar unha pequena transformación» á contorna e adaptala ao modelo doutras praias fluviais galegas.

Rodríguez defendeu que o río Tambre constitúe un importante recurso natural para Compostela. «Temos un gran río, non é un regato pequeno», afirmou, ao tempo que lamentou que a cidade «viva de costas ao río». Ao seu xuízo, Chaián podería converterse nun espazo de referencia para o lecer estival, tendo en conta que se atopa «a apenas quince ou vinte minutos do centro de Santiago».

Entre as propostas que puxo sobre a mesa figura a creación dun servizo de autobús lanzadeira entre Santiago e Chaián durante os meses de verán. «A miña idea era poñer unha especie de lanzadeira de autobuses desde a Praza de Galicia ata Chaián», explicou, convencido de que facilitar o acceso contribuiría a incrementar o uso dunha contorna privilexiada tanto por composteláns como por visitantes.

Con cincuenta edicións ás súas costas, a Festa do Escalo consolídase como unha das citas tradicionais do calendario estival compostelán, mantendo intacta a súa esencia ao tempo que mira ao futuro coa esperanza de que Chaián reciba o impulso necesario para converterse nun dos grandes espazos naturais de referencia da comarca.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *