Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 julio, 2026
O presidente da Asociación de Xogadores da Chave, José Fuentes, asegura que o torneo se celebrará con normalidade este venres e sábado na Alameda, lamenta que a cita non figure na programación oficial das Festas do Apóstolo e confía en que todo responda a «un malentendido»
A tradición volverá ter o seu espazo nas Festas do Apóstolo. O histórico Torneo da Chave celebrará esta fin de semana a súa 48ª edición na Alameda de Santiago, mantendo unha das competicións máis emblemáticas do calendario festivo compostelán, aínda que este ano cunha circunstancia inédita: non figura na programación oficial das festas. Así o explicou en Radio Líder Santiago o presidente da Asociación de Xogadores da Chave, José Fuentes, quen quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos afeccionados: «Chave vai haber, sen ningún problema ningún».
Fuentes recoñeceu a súa sorpresa pola ausencia do torneo no programa municipal, aínda que evitou alimentar a polémica e atribuíu a situación a «un malentendido» derivado da redución da duración das Festas do Apóstolo. «Ao reducir as festas foi onde veu o problema», explicou, antes de destacar que o Concello continúa colaborando coa organización achegando os premios da competición.
A pesar desta circunstancia, a Asociación mantén intacta a organización do torneo, que comezará este venres pola tarde coa competición feminina e continuará o sábado coa categoría masculina na Alameda. «A Chave está viva», reivindicou Fuentes, quen lembrou que este deporte tradicional leva preto de medio século formando parte das celebracións compostelás e continúa sumando novos practicantes.
«O importante é que a tradición non se perda», afirmou o presidente da entidade, que destacou o bo momento que atravesa este deporte. Segundo explicou, o pasado Torneo da Ascensión bateu expectativas con 31 parellas participantes, unha cifra que agardan repetir nas festas patronais. Ademais, asegurou que cada vez hai máis presenza de xente nova. «Todo é empezar; cando lle dás unha vez, queres volver dar outra máis», sinalou sobre a capacidade da chave para enganchar ás novas xeracións.
Actualmente, a Asociación organiza unha liga local con once equipos de Santiago, unha competición que se desenvolve ao longo do ano e que, segundo lembrou Fuentes, chegou no seu día a contar con equipos doutras cidades galegas. «Foi unha pena perder aquela competición a nivel de Galicia», confesou, lembrando os enfrontamentos con clubs da Coruña, Ferrol, Vigo ou Ourense.
Respecto á ausencia no programa oficial das festas, o presidente da Asociación mostrouse convencido de que a situación poderá corrixirse de cara ao futuro. De feito, confirmou que mantivo unha reunión coa concelleira de Deportes para aclarar o sucedido e expresou o seu desexo de que a 49ª edición recupere a súa presenza na programación municipal. «Con boas palabras», resumiu sobre o espírito co que afronta o encontro institucional.
Mentres tanto, o chamamento é claro: acudir á Alameda para apoiar un deporte que forma parte da identidade popular compostelá desde hai décadas. «A Chave vai para adiante», insistiu José Fuentes, convencido de que a mellor maneira de defender esta tradición é seguir enchendo de participantes e público un torneo que, malia os contratempos, continúa sendo unha das grandes referencias do deporte tradicional galego.
Escrito por Líder Redacción
deportes festas do apostolo polemica Santiago de Compostela torneo da chave tradicion




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)