AD

Comarca

A Concellería de Acción Urbana de Arzúa impulsa novas medidas para reforzar a seguridade viaria na N-547

today3 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

Arzúa, 3 de agosto de 2026.- Begoña Balado mantivo contactos coa Demarcación de Estradas e coa Delegación do Goberno para impulsar actuacións inmediatas que melloren a seguridade peonil no casco urbano arzúan.

A Concellería de Acción Urbana do Concello de Arzúa informa de que nos primeiros días do mes de agosto está previsto o inicio de diversas actuacións de mellora da seguridade viaria na travesía da estrada N-547 ao seu paso polo núcleo urbano, tras as xestións realizadas pola concelleira de Acción Urbana, Begoña Balado, coa Demarcación de Estradas do Estado e coa Delegación do Goberno en Galicia.

As intervencións, xa confirmadas, consistirán no repintado dos pasos de peóns da travesía e na instalación de varias Bandas Transversais de Alerta (BTA) en distintos puntos da vía, co obxectivo de incrementar a visibilidade, favorecer a redución da velocidade dos vehículos e reforzar a protección das persoas viandantes. Co fin de minimizar as afeccións ao tráfico e garantir a seguridade durante a execución das obras, os traballos de mellora desenvolveranse en horario nocturno.

A concelleira de Acción Urbana, Begoña Balado, destacou que “desde a Concellería de Acción Urbana do Concello de Arzúa levamos semanas traballando de maneira constante e coordinada coas administracións competentes para impulsar actuacións que contribúan a facer máis segura unha das principais arterias do noso municipio. Estas medidas supoñen un primeiro paso importante mentres continúan avanzando as solucións definitivas”.

Balado lembrou que a travesía da N-547 soporta un intenso volume de tráfico, tanto de turismos como de vehículos pesados, polo que resulta fundamental continuar adoptando medidas que favorezan unha convivencia máis segura entre vehículos e peóns e melloren as condicións de circulación ao longo do seu percorrido urbano.

“Sabemos que a cidadanía demanda actuacións que contribúan a mellorar a seguridade viaria e por iso trasladamos ás administracións competentes a necesidade de actuar con rapidez. A seguridade das persoas debe ser sempre a prioridade”, afirmou a edil.

Desde a Concellería de Acción Urbana do Concello de Arzúa valórase positivamente a boa disposición mostrada tanto pola Demarcación de Estradas como pola Delegación do Goberno para atender as demandas trasladadas e poñer en marcha estas actuacións de maneira inmediata.

Ao mesmo tempo, a Concellería lembra que a solución estrutural para reducir o tráfico de paso pola travesía pasa pola posta en servizo do tramo pendente da autovía entre Lugo e Santiago, no ámbito de Arzúa. Segundo as previsións trasladadas pola Delegación do Goberno, esta infraestrutura podería entrar en funcionamento antes de finalizar o presente ano, permitindo desviar unha parte moi significativa do tráfico que actualmente atravesa o centro da vila.

“Nós seguiremos insistindo para que, ata que a autovía sexa unha realidade, se adopten todas aquelas medidas que permitan mellorar a seguridade viaria e ofrecer maiores garantías tanto ás persoas peóns como aos condutores”, concluíu Begoña Balado.

A Concellería de Acción Urbana do Concello de Arzúa continuará mantendo un contacto permanente coas administracións responsables da estrada para facer seguimento das actuacións previstas e promover novas melloras que contribúan a facer da N-547 unha travesía máis segura para toda a veciñanza.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *