Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, en colaboración con Ramón Iglesias Marzoa, veciño da aldea de Castelo e astrofísico profesional no Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, identificou tres localizacións especialmente axeitadas para a observación da eclipse do vindeiro mércores, 12 de agosto. Estas son o parque do Milladoiro, o miradoiro do campo da festa e usos múltiples de Bugallido e o miradoiro do Bosque do Peregrino, na aldea de Ventosa.
A eclipse terá unha duración aproximada de 1 hora e 50 minutos, entre as 19:30 e as 21:20 horas. O momento de maior intensidade producirase entre as 20:25 e as 20:35 horas, mentres que a máxima ocultación está prevista entre as 20:28 e as 20:30 horas.
Co obxectivo de facilitar unha observación segura da eclipse, o Concello de Ames porá á disposición das persoas empadroadas no municipio un total de 2.000 gafas especiais homologadas, que cumpren a normativa vixente para a observación solar.
A distribución comezou o luns 20 de xullo nas Casas da Cultura de O Milladoiro e Bertamiráns, en horario de 08:00 a 14:00 horas, de luns a venres, ata esgotar existencias. Para a súa recollida será necesario cubrir un formulario cos datos identificativos solicitados. Entregarase unha gafa por persoa inscrita, cun máximo de tres gafas por domicilio.
O Concello de Ames anima a veciñanza a gozar deste singular fenómeno astronómico con responsabilidade, respectando en todo momento as recomendacións das autoridades e empregando os medios de protección adecuados para garantir unha observación segura.
Protección da vista
O Concello de Ames lembra que a observación directa do Sol sen a protección axeitada pode provocar lesións oculares graves. Por este motivo, é imprescindible utilizar exclusivamente gafas especiais homologadas e certificadas que cumpran a norma ISO 12312-2:2015.
Non se deben empregar métodos caseiros nin materiais que non estean especificamente deseñados para a observación solar, como gafas de sol superpostas, radiografías ou gafas de soldador. Tampouco se debe mirar directamente ao Sol a través de instrumentos ópticos non adaptados para este fin, como telescopios, prismáticos ou cámaras non deseñadas para a observación solar segura.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)