AD

Deportes

O Cabo da Cruz será escenario da Liga Galega de Traiñeiras os días 15 e 16 de agosto

today11 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Boiro colabora co Club de Remo Cabo de Cruz na celebración da Liga Galega de Traiñeiras que terá lugar os días 15 e 16 de agosto no peirao de Cabo de Cruz e na que se disputarán a XII Bandeira Marina Cabo de Cruz – Concello de Boiro, a XXXVI Bandeira de Traiñeiras Concello de Boiro e a VII Bandeira de Traiñeiras Feminina Rianxeira.

O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, participou na presentación xunto con Ramón Dieste, vicepresidente do Club de Remo Cabo da Cruz, Marga Hermo, directora de relacións institucionais de Jealsa, e José Romero, directivo do Club Náutico de Boiro – Marina Cabo de Cruz.

As regatas comezan o sábado pola tarde co desenvolvemento da Liga ‘B’ na que se disputará a XII Bandeira Marina Cabo de Cruz – Concello de Boiro en catro longos e tres ciabogas; e xa o domingo 16 terá lugar primeiro a regata feminina coa VII Bandeira de Traiñeiras Feminina Rianxeira que será a 2 longos e unha única ciaboga, e a continuación a Liga A coa XXXVI Bandeira de Traiñeiras Concello de Boiro a catro longos e tres ciabogas.

Ramón Dieste agradeceu ás entidades colaboradoras polo seu apoio para o desenvolvemento destas regatas e convidou á veciñanza a “presenciar este espectáculo deportivo e apoiar ao Club de Remo Cabo da Cruz que está a facer unha gran tempada”.

A directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Marga Hermo, deulle os parabéns ao Club de Remo pola gran tempada que está a facer: “Como empresa vinculada ao mar levamos moitos anos patrocinando ao Club de Remo e estamos felices de acompañalos durante tantos anos polos valores que trasladan aos rapaces e rapazas na práctica do deporte do remo”. Na mesma liña falou o directivo do Club Náutico de Boiro – Marina Cabo de Cruz que recoñeceu estar “moi contentos pola colaboración e as sinerxias que durante anos levamos tendo co Club de Remo”.

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, deulle os parabéns ao club pola gran tempada que está a facer no camiño do ascenso á liga Eusko Label e convidou á veciñanza a achegarse esta fin de semana ao Cabo da Cruz para “presenciar este gran espectáculo deportivo do remo e tamén para desfrutar da festa gastronómica do produto estrela da nosa ría como é o mexillón”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *