Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira volveu participar nas concentracións convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e pola veciñanza de Aguiño para reclamar unha atención sanitaria digna e a cobertura de todo o persoal necesario nos centros de saúde de Aguiño.
O BNG denuncia que a situación se está agravando tanto en Aguiño como en Ribeira, especialmente durante os meses de verán, cando o importante incremento da poboación debería levar a reforzar os servizos sanitarios. Pola contra, a Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, continúa sen cubrir baixas de longa duración, vacacións e outras ausencias, provocando atrasos considerables nas citas e unha sobrecarga cada vez maior para os profesionais que permanecen nos centros.
No caso de Aguiño, a situación resulta especialmente preocupante. Das dúas médicas de familia que precisa o centro de saúde, unha delas permanece de baixa de longa duración desde hai máis de dez meses. Nesta época estival, coa chegada de milleiros de persoas á parroquia, a Consellería de Sanidade non está cubrindo esta ausencia ningún día, nin sequera de maneira parcial. Esta falta de cobertura está a provocar importantes demoras para conseguir cita e obriga á única profesional dispoñible a asumir unha carga asistencial que dificulta unha atención axeitada ás necesidades da poboación.
Unha situación semellante prodúcese tamén no centro de saúde de Ribeira, onde se están acumulando importantes atrasos nas citas e nas listas de espera como consecuencia da falta de profesionais e da ausencia dunha cobertura suficiente das baixas e das vacacións. Para o BNG, non se pode seguir normalizando que a veciñanza teña que esperar cada vez máis tempo para acceder ao seu médico de cabeceira.
O portavoz do BNG de Ribeira, Luís Pérez Barral, considera que o Partido Popular deteriora tanto a atención sanitaria que fai case imposible acudir ao médico de cabeceira na época do ano na que máis persoas hai no noso concello. En Aguiño levamos máis de dez meses cunha baixa sen cubrir adecuadamente e, neste verán, a situación chegou ao extremo de que non se está substituíndo ningún día, nin tan sequera parcialmente. Estamos falando dunha das dúas médicas de familia do centro, polo que as consecuencias para a atención á veciñanza son evidentes», sinalou.
Pérez Barral advertiu tamén de que a situación de Ribeira require unha resposta. «Os atrasos nas citas son cada vez maiores e os profesionais teñen que asumir unha presión asistencial que non lles corresponde. Non se pode pretender ofrecer unha sanidade pública de calidade sen dotar os centros do persoal necesario nin cubrir as ausencias», manifestou.
O exalcalde lembrou que esta problemática non é unha circunstancia puntual do verán, senón o resultado dunha política sanitaria na que o PP leva anos deteriorando progresivamente a atención primaria. «A veciñanza leva meses mobilizándose, reclamando algo tan básico como ter profesionais suficientes para poder recibir atención en condicións. A resposta da Consellería segue sendo a mesma: calar e esperar a que a xente se canse de mobilizarse», afirmou.
O BNG tamén volveu cuestionar a inacción do goberno local ante esta situación: «Vemos unha alcaldesa que sempre escolle primeiro defender os intereses do Partido Popular antes que defender os dereitos da veciñanza a ter un servizo de saúde público de calidade e cos profesionais suficientes». Segundo Barral «un goberno digno ten a obriga de defender os intereses da súa veciñanza, pero xa vemos que este goberno municipal só busca o seu propio beneficio», engadiu.
Desde o Bloque Nacionalista Galego reclaman á Consellería de Sanidade a cobertura inmediata e efectiva de todas as baixas, especialmente a praza de longa duración existente en Aguiño, así como das vacacións e demais ausencias do persoal, e demandan o reforzo necesario dos centros de saúde de Aguiño e Ribeira para reducir os atrasos e garantir unha atención sanitaria acorde ás necesidades da poboación.
O BNG de Ribeira reitera, finalmente, o seu apoio ás mobilizacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e da veciñanza de Aguiño e Ribeira e asegura que continuará reclamando solucións ata que a Xunta garanta unha atención primaria pública, digna e con profesionais suficientes para atender á veciñanza durante todo o ano e, especialmente, nunha época estival na que a poboación aumenta de maneira considerable.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)