AD

Comarca

O alcalde de Rianxo anuncia o regreso da Virxe de Guadalupe a Tanxil e novos avances na residencia

today25 agosto, 2026

Fondo
share close
AD
  • Julián Bustelo destaca en Radio Líder Santiago a recuperación do paseo e do patrimonio de Tanxil, avanza novas obras municipais e confía en ver pronto as máquinas traballando na futura residencia de maiores

Rianxo afronta o final do verán e o inicio do novo curso político cunha ampla carteira de actuacións en marcha. O alcalde, Julián Bustelo, repasou nunha entrevista en Radio Líder Santiago algúns dos principais asuntos da actualidade municipal, desde a situación da auga e a prevención dos incendios ata a elevada presenza de visitantes durante agosto. Pero boa parte da conversa estivo marcada polos proxectos que o Concello pretende impulsar nos próximos meses: a recuperación integral de Tánxil, novos investimentos en infraestruturas e abastecemento e os avances para facer realidade a residencia e o centro de día.

Bustelo recoñeceu que o verán estivo condicionado pola preocupación pola seca. Rianxo chegou á situación de prealerta decretada pola Xunta e, aínda que o municipio se abastece durante boa parte do ano con medios propios, foi necesario recorrer á auga procedente do Ulla. Non chegaron a aplicarse restricións á veciñanza, pero si medidas de aforro como a redución do baldeo e dos regos. O rexedor agarda agora que as precipitacións permitan mudar o escenario: “Esperemos que este cambio de tendencia se consolide e que empece a cambiar un pouco todo isto”.

No relativo aos incendios, o alcalde explicou que Rianxo tivo ata o momento “boa sorte”, con pequenos conatos controlados rapidamente polos servizos de extinción. O Concello mantén ademais un dispositivo especial de vixilancia, coa Policía Local presente en pistas forestais e puntos estratéxicos, co obxectivo de detectar canto antes calquera posible foco e facilitar unha intervención rápida.

Un verán con “moita afluencia” de visitantes

Á espera de datos definitivos, Bustelo trasladou unha percepción claramente positiva sobre a temporada turística, especialmente durante a primeira quincena de agosto. O alcalde asegurou que se apreciou unha importante presenza de visitantes e unha maior chegada de turistas internacionais que noutros anos. “Notamos moita afluencia de xente”, afirmou, unha realidade visible tanto nas rúas como na asistencia aos eventos e tamén na presión sobre os estacionamentos e determinados servizos municipais.

O incremento de visitantes supón tamén maiores necesidades na recollida de residuos, no consumo de auga ou no aparcadoiro, pero Bustelo reivindicou o efecto positivo de ver Rianxo cheo de actividade: “Eu disfruto de ver a vila, o pobo, cheo de xente, de que a xente teña a Rianxo como unha referencia para nos visitar”, sempre que esa afluencia sexa compatible coa convivencia e coa tranquilidade da veciñanza.

Tanxil, moito máis que un paseo

Un dos asuntos que ocupou maior espazo na entrevista foi a recuperación de Tanxil. Tras a polémica dos últimos días e o pronunciamento da familia Cortizo, o alcalde preferiu centrar a atención no proxecto e no significado que este espazo ten para Rianxo. “A boa noticia é que o paseo de Tánxil, pouco a pouco, vai recuperando o que era”, salientou.

O Concello pretende avanzar nunha recuperación que non se limita ao paseo. Bustelo lembrou o deterioro sufrido pola zona desde comezos de século, co derrubamento dunha parte do cantil, a retirada da escultura da Virxe de Guadalupe de Asorey e as actuacións na praia que acabaron ocultando o histórico dique. A folla de ruta municipal pasa agora por reverter progresivamente esa situación.

Un dos fitos máis inmediatos será precisamente o regreso da Virxe de Guadalupe ao seu emprazamento. Segundo anunciou o alcalde na entrevista, “o día 5 de setembro” está prevista a colocación da escultura no cantil de Tanxil, despois dos importantes traballos de restauración realizados nos últimos meses. A intención é que estea xa no seu lugar antes das festas da Guadalupe e da tradicional chegada dos barcos.

O seguinte desafío será recuperar o histórico dique e naturalizar novamente o espazo para devolverlle a presenza da auga. Bustelo admite a dificultade da actuación, pero mostrouse convencido da súa viabilidade: “Comparto con eles que é complicado, pero estou convencido de que o vamos conseguir nos próximos meses”.

Para o alcalde, a dimensión da actuación supera o estritamente urbanístico ou patrimonial. “É unha referencia de Rianxo, forma parte da idiosincrasia do pobo de Rianxo”, afirmou, lembrando que numerosas xeracións de rianxeiros e rianxeiras conservan recordos persoais vinculados a ese espazo. Por iso, sostivo, a recuperación de Tanxil “merece todo o noso esforzo”.

A Guadalupe, unha semana que “marca o calendario rianxeiro”

A entrevista serviu tamén para anticipar unha das grandes citas do calendario local: as festas da Guadalupe. Bustelo falou dunha programación con oito noites de verbena e sete días cargados de actividades para diferentes públicos, e reivindicou unhas celebracións que transcenden o carácter puramente festivo.

“Son verdadeiramente unhas festas que marcan o calendario rianxeiro”, resumiu. O rexedor destacou tanto as verbenas como os actos máis emotivos e identitarios que se suceden durante a semana, e convidou a vivila con responsabilidade: “Unha semana moi especial e que esperemos desfrutar. A vivilas con sentidiño”.

Máis investimento e novas obras

O alcalde puxo tamén sobre a mesa o volume de investimento municipal. Entre as actuacións recentemente licitadas figura a posta en valor da contorna do Hórreo do Araño, un enclave que presenta un importante deterioro e no que está previsto renovar accesos e mellorar a sinalización, entre outras intervencións, coa colaboración da Xunta de Galicia. As últimas actuacións licitadas suman máis de medio millón de euros e engádense ao investimento mobilizado previamente polo Concello.

A previsión municipal é manter ese ritmo durante o novo curso. Bustelo avanzou a próxima licitación da renovación de aproximadamente a metade do firme do paseo marítimo que aínda queda por cambiar, cun investimento superior aos 200.000 euros, ademais de actuacións para ampliar as redes de abastecemento de auga nas zonas do Araño e Taragoña. O alcalde definiu esta sucesión de proxectos como “un continuo goteo de obras”, cun volume de investimento que sitúa en arredor dun millón ou máis de euros anuais.

A residencia de maiores avanza e Bustelo confía en ver “as máquinas traballar”

Outro dos grandes proxectos abordados foi a futura residencia de maiores de Rianxo. O rexedor explicou que a iniciativa continúa avanzando tras un longo proceso administrativo entre o Concello e a Deputación da Coruña e mostrou confianza nos seguintes pasos: “Xa estou convencido de que veremos xa as máquinas traballar alí en Rianxo para esta nova residencia”.

Bustelo subliñou que se trata dunha infraestrutura “moi demandada” non só no municipio, senón no conxunto da comarca, debido á escaseza deste tipo de servizos. O convenio entre ambas as administracións permitirá avanzar cara á licitación do proxecto, nunha actuación pola que o alcalde expresou o agradecemento á Deputación por “poñer o foco en Rianxo”.

E a residencia non será, segundo avanzou, a única novidade no ámbito asistencial. O alcalde anunciou que nas próximas semanas haberá tamén avances relacionados co futuro centro de día de Rianxo, proxectado nun inmoble de Rianxiño. O Concello leva traballando desde o inicio do mandato na definición da rehabilitación necesaria para destinalo a este servizo e, segundo explicou Bustelo, a Deputación comprometeuse a financiar a actuación. O obxectivo é poder licitar o proxecto e conseguir que o centro estea operativo “á maior brevidade posible”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *