Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Teo (A Coruña), 24 de agosto de 2026.- O Concello de Teo celebrará este domingo, 30 de agosto, o seu Concurso Morfolóxico Cabalar, que este ano cumpre a súa XXV edición, no lugar de Ribas, parroquia de Oza.
Esta edición tan especial reunirá competicións morfolóxicas, exhibicións ecuestres e propostas para todos os públicos. A celebración completarase cun amplo programa infantil, a presenza da XVI Concentración Ferrari Galicia e, como peche, o espectáculo de Duende Ecuestre, protagonizado por Alberto Borjas, campión do Salón Internacional do Cabalo de Pura Raza Española (SICAB) 2025. A entrada será libre e todas as actividades destinadas ao público serán gratuítas.
Como todos estes anos, o concurso -no que colabora a Asociación Amigos do Cabalo de Teo e numerosas empresas privadas- porá en valor a figura do cabalo, un animal de gran relevancia no municipio de Teo, sendo este animal o gran protagonista de diversos eventos culturais tal como os famosos entroidos dos Xenerais da Ulla ou a Feira Cabalar do San Martiño de Francos, ambas declaradas Festa de Interese Turístico de Galicia.

Programa
Sobre as 8.30 horas da mañá procederase á apertura de inscricións, onde cada propietario de animais deberá entregar á Organización do evento a carta de orixe no momento de formalizar a inscrición. A partir das 10.00 horas comezarán as distintas exhibicións de poldros, percheróns, cabalos e eguas, rematando a xornada coas famosas probas de arrastre e un espectáculo ecuestre de gran nivel.
Así mesmo, pola tarde haberá unha variada oferta de actividades para a rapazada, como un obradoiro de colgantes con motivos ecuestres, xogos populares e un parque de inchables. A cativada tamén poderán desfrutar dos postos de frigolosinas de balde e rematar a xornada cunha festa da escuma.
O programa deste concurso está dispoñible na web municipal teo.gal, no apartado de actividades.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)