Pola esquerda: José Fuentes, Randall Pintor, Elieser Antoino Barrios Rivero, Manuel Taboada e Jhonny Delgado diante da casa consisstorial
O prelado visita estes días os sacerdotes Randall Pintor e Jhonny Delgado, naturais de San Fernando de Apure, que desenvolven o seu laboral pastoral nas parroquias de Castrofeito, Pereira, Budiño e Medín
O Pino. 24-8-2026.- O alcalde do Pino, Manuel Taboada Vigo, recibiu hoxe no salón de plenos da Casa do Concello o bispo venezolano Elieser Antonio Barrios Rivero. O prelado atópase estes días en Galicia para visitar, entre outros, os sacerdotes Randall Pintor e Jhonny Delgado, naturais de San Fernando de Apure (na rexión venezolana de Los Llanos), que atenden as parroquias de Budiño, Castrofeito, Medín e Pereira.
Durante o encontro, Manuel Taboada salientou o traballo que están a desenvolver no municipio os dous sacerdotes venezolanos. O alcalde e o bispo coincidiron tamén en destacar os estreitos vínculos e as boas relacións existentes entre os pobos venezolano e galego.
Jhonny Delgado e Randall Pintor trasladáronse a Galicia para realizar un curso de especialización en Santiago de Compostela. Durante a súa estadía, compaxinan a formación co labor pastoral en catro parroquias do Pino e noutras cinco de municipios da comarca.
Monseñor Barrios foi nomeado bispo de San Fernando de Apure polo papa León XIV en novembro de 2025 e recibiu a consagración episcopal o pasado 21 de febreiro. A súa visita a Galicia permítelle coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve na arquidiócese de Santiago de Compostela e o labor pastoral dos sacerdotes venezolanos destinados na comunidade galega.
Tras reunirse co arcebispo de Santiago, monseñor Barrios visitou os relixiosos que exercen o seu ministerio no Pino. Nos vindeiros días desprazarase a Alacante para encontrarse con outros sacerdotes venezolanos e, posteriormente, viaxará a Roma, onde participará nun curso de formación pastoral no Vaticano.
Como lembranza da súa visita ao Pino, Manuel Taboada entregoulle unha reprodución do Códice Calixtino realizada por Cándido Pazos, un exemplar do libro de Juan Félix Neira sobre a Espiritada de Gonzar e unha figura dun peregrino elaborada en bronce.
Comentarios de las entradas (0)