AD

Comarca

Brión abre inscricións na Feira Labrega, que terá lugar o 20 de setembro na praza das polbeiras

today25 agosto, 2026

Fondo
share close
AD
  • A feira forma parte do Coworking Fest, que inclúe tres xornadas de portas abertas do espazo colaborativo de Monte Balado para o alumnado do CEIP de Pedrouzos

25 de agosto de 2026.- O Concello de Brión abre o prazo de inscrición nunha nova edición da Feira Labrega, que terá lugar o domingo 20 de setembro, en horario de 11:00 a 22:00 horas, na praza das polbeiras, a carón da carballeira de Santa Minia. Un espazo de exposición e venda de produtos frescos e elaborados que tamén incluirá obradoiros de oficios tradicionais, degustacións gastronómicas de produtos locais e actuacións musicais.

Aqueles pequenos produtores de Brión e da contorna que desexen participar nesta oitava edición da Feira Labrega poden anotarse e recibir máis información chamando ao 981 88 70 06, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O emprazamento da feira estará condicionado ás condicións meteorolóxicas, que o ano pasado obrigaron ao seu traslado ao espazo colaborativo de Monte Balado.

A Feira Labrega de Brión está organizada polo Concello de Brión e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Unión Europea, Xacobeo 2027, GDR Terras de Compostela, Xeodestino Terras de Santiago, Fundación Daniel & Nina Carasso e da asociación Daquídarredor.

Portas abertas

Un espazo colaborativo que celebrará tres xornadas de portas abertas para “sementar futuro e darlle maior visibilidade ao coworking entre o alumnado do CEIP de Pedrouzos e así tratar de captar novas persoas usuarias”, explica Guarina Rey, concelleira de Promoción Económica. Para conseguilo, a rapazada do colexio brionés visitará as instalacións de Monte Balado o martes 15, mércores 16 e xoves 17, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

Trátase da segunda edición desta iniciativa, denominada “Coworking Fest”, que na súa primeira edición estivo dirixida tanto a persoal da Administración Local como a persoas que quixeran coñecer o funcionamento destas instalacións, que forman parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña. Guarina Rey sinala que “coa Feira Labrega e as visitas ao coworking buscamos poñer en valor o noso sector primario e promover o comercio de produtos locais e sostibles”. Uns produtos que, grazas ao coworking brionés, poden chegar ao mercado con todas as garantías sanitarias de que se producen e transforman dun xeito totalmente sostible.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *