Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Concello recoñecerá a Ramón Iglesias Sánchez pola súa longa traxectoria de traballo desinteresado a prol da vila e, especialmente, pola súa vinculación durante catro décadas coas Festas da Guadalupe
Rianxo prepara un recoñecemento histórico para Ramón Iglesias Sánchez, Moncho «O Xixí». O Concello celebrará nos próximos días, coincidindo co marco das Festas da Guadalupe 2026, un pleno extraordinario para concederlle a Medalla de Ouro de Rianxo, a máxima distinción honorífica municipal.
Será a primeira vez que se entregue este recoñecemento, recollido no Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Rianxo, aprobado en 1995. A elección de Moncho «O Xixí» busca distinguir toda unha vida marcada polo compromiso coa vila e polo traballo desinteresado en diferentes entidades e iniciativas locais.
Ao longo dos anos, Ramón Iglesias estivo vinculado a diferentes colectivos de Rianxo. Entre outras responsabilidades, foi presidente do C.D. Unión e do Liceo Marítimo. Con todo, unha parte fundamental da súa traxectoria está estreitamente ligada ás Festas da Guadalupe, unha das celebracións máis representativas do municipio.
Catro décadas á fronte das festas
Moncho presidiu durante arredor de corenta anos a comisión organizadora das Festas da Guadalupe. Unha longa etapa de dedicación que contribuíu ao crecemento e consolidación dunhas celebracións que actualmente contan coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
O traballo desenvolvido ao longo de todos eses anos contribuíu tamén a manter e impulsar algunhas das tradicións máis recoñecibles das festas rianxeiras. Entre elas destaca a multitudinaria cantata popular do último día, convertida nunha das imaxes máis emblemáticas da Guadalupe e nun momento no que veciñanza e visitantes se unen para cantar algunhas das pezas máis vinculadas á identidade de Rianxo.
A concesión da Medalla de Ouro pretende, deste xeito, recoñecer non só a súa participación na organización das festas, senón unha maneira de entender o compromiso coa comunidade baseada na colaboración, no asociacionismo e na procura do ben común.
O pleno extraordinario deberá formalizar agora unha distinción coa que Rianxo quere agradecer publicamente décadas de dedicación á vila. Ramón Iglesias Sánchez converterase así na primeira persoa en recibir a Medalla de Ouro do municipio.
Un recoñecemento que, inevitablemente, estará acompañado por unha expresión que forma xa parte da memoria festiva de varias xeracións de rianxeiros: «Que bote o Xixí!»
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)