Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 agosto, 2026
Anxo Arca e Chus Campos fan balance en Radio Líder Santiago da acción do goberno municipal, destacan o crecemento turístico e os investimentos en infraestruturas e avanzan os retos cos que Padrón afronta os próximos meses
Padrón encara o novo curso político cunha intensa carteira de actuacións, investimentos en marcha e cifras turísticas que o goberno municipal considera que avalan a súa aposta por converter a vila nun destino con entidade propia máis alá do Camiño de Santiago.
O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Festas e Turismo, Chus Campos, repasaron en Radio Líder Santiago a actualidade do municipio tras un verán marcado pola actividade festiva e turística, pero tamén pola triste perda dunha integrante do equipo de goberno.
Arca tivo palabras especialmente emotivas para a súa compañeira falecida, Ana Castro, á que definiu como unha persoa “tremendamente querida” e “extremadamente capacitada”. O alcalde recoñeceu o golpe que supuxo para un equipo no que, segundo explicou, os seus integrantes non son unicamente compañeiros de traballo, senón tamén amigos que comparten numerosas experiencias. Pese á dor, incidiu en que a actividade municipal non se detivo: “O goberno segue a pleno rendemento e toca seguir adiante”.
A intensa actividade do verán foi outro dos asuntos abordados por Arca e Campos. O alcalde destacou a vitalidade que adquire Padrón durante estes meses, coa chegada de visitantes e as celebracións nas distintas parroquias, e reivindicou a importancia da presenza institucional nestas citas e do apoio ás festas populares.
Entre elas ocupou un lugar destacado a tradicional festa das cucañas da Ponte. Ante a posibilidade de avanzar cara a algún tipo de recoñecemento oficial para esta celebración, Arca deixou clara a disposición municipal a colaborar coa comisión organizadora. “Estamos a plena disposición da comisión de festas”, afirmou, abrindo a porta a “traballar para calquera declaración que se poida outorgar a esta actividade”.
O rexedor destacou o atractivo dun espectáculo que cada ano congrega numeroso público e que mantén unha longa tradición. Tamén puxo en valor a evolución da participación, coa incorporación cada vez maior de mulleres a unha actividade historicamente máis masculinizada. “Como ten tanta tradición, é posible que poidamos sacar algún tipo de recoñecemento”, apuntou.
O turismo deixou algunhas das cifras máis destacadas da entrevista. Segundo os datos ofrecidos pola edil de Turismo, 29.500 persoas pasaran no que ía de ano pola Oficina de Turismo de Padrón, procedentes de 78 países diferentes. Unha cifra que, ademais, non representa necesariamente a totalidade das persoas que visitaron o municipio.
Outro dos elementos que Chus Campos considera especialmente significativo é o perfil deses visitantes. O 48% eran peregrinos, o que significa que o 52% restante chegou a Padrón por outras motivacións. Unha evolución que encaixa coa estratexia turística desenvolvida polo Concello para reducir a dependencia exclusiva do Camiño de Santiago.
A isto súmase un incremento do tempo de permanencia. Segundo explicou Campos, a estancia de dous días representa xa o 53% entre os visitantes contabilizados, fronte á situación anterior, na que predominaban as visitas dunha soa xornada.
“Este era o empeño que tiñamos dende o goberno cando chegamos, de non apostalo todo ao Camiño de Santiago”, sinalou o alcalde. A intención pasa por que Padrón deixe de ser percibido unicamente como unha parada dentro da ruta xacobea e consiga atraer persoas interesadas especificamente na vila, no seu patrimonio, na súa cultura e na súa oferta turística.
“Que Padrón fose visto como un destino, non só como unha parte do Camiño de Santiago, unha zona de paso”, resumiu o alcalde, quen considera que “os datos están avalando esta política que estamos a ter”.
Xunto ao turismo, os investimentos protagonizaron boa parte do balance municipal. Arca cifrou en máis de medio millón de euros as actuacións licitadas entre agosto e decembro de 2025, fundamentalmente relacionadas coa reforma do viario. A esa cantidade engadiu 1,3 millóns de euros entre xaneiro e agosto de 2026.
“Estamos case en dous millóns de euros de investimento a través de obras licitadas e que se están plasmando”, destacou o rexedor.
Entre as actuacións mencionadas durante a entrevista figuran melloras do viario en Pombal de Abaixo, A Ponte e Herbón, ás que se sumarán novas intervencións en diferentes núcleos de poboación. Arca considera que estas obras permiten actuar sobre zonas que viñan acumulando unha importante falta de investimento durante anos.
O alcalde insistiu, ademais, en que este ritmo de actuación non responde á proximidade da cita coas urnas. “O goberno de Padrón non espera a que se acheguen as eleccións para actuar”, afirmou. “Licitamos o antes que podemos porque queremos que Padrón avance o máis rápido posible”.
O rexedor tamén valorou as actuacións desenvolvidas por outras administracións, entre elas as melloras executadas na N-550, tanto no pavimento como no repintado, así como diferentes traballos de mantemento nas estradas dependentes da Deputación.
Arca destacou especialmente a colaboración co Goberno de España e coa Deputación, pero foi máis crítico coa relación coa Xunta de Galicia. “Temos realmente máis problemas e gustaríame que non fose así. Non é tan fluído”, asegurou, vinculando ademais ese arrefriamento institucional coa proximidade das eleccións. “Eu creo que iso é un erro”, afirmou.
Neste contexto situou a reforma do centro de saúde. O alcalde mostrou a súa discrepancia coa obriga de que o Concello financie o 50% da actuación, despois da posición adoptada no pleno por PP e BNG, xa que o executivo local entende que as competencias sanitarias corresponden á Xunta. Con todo, confirmou que o Concello afrontará a súa parte do investimento, aínda que condicionada a que posteriormente a Consellería se faga cargo do centro.
A situación hídrica foi outro dos asuntos analizados. Arca explicou que Padrón alberga a estación de tratamento de auga potable e a captación que abastecen diferentes municipios da contorna, polo que os problemas derivados da escaseza tenderían a manifestarse antes nos puntos máis afastados da rede.
O Concello realizou ao inicio da campaña un chamamento á cidadanía para facer un uso responsable da auga e, polo momento, a situación mantívose estable. “Non estamos tendo problemas a ese respecto”, sinalou Arca, aínda que advertiu de que “non podemos baixar a garda”.
Padrón tamén prestou colaboración a municipios que solicitaron axuda ante as dificultades que estaban experimentando coas súas reservas. “Dentro das nosas posibilidades tamén intentamos botar unha man aos nosos municipios veciños”, explicou.
A proximidade das próximas eleccións municipais apareceu inevitablemente na conversa. Arca reivindicou o traballo desenvolvido polo seu equipo durante a lexislatura e foi crítico coa actitude da oposición, especialmente con PP e BNG, aos que acusa de dificultar iniciativas do executivo municipal.
“O que mellor lle iría a Padrón sería precisamente que este goberno puidese ter unha maioría suficiente”, afirmou o alcalde, quen asegurou que esa maioría permitiría non estar condicionado polo que cualificou como unha “pinza” entre Partido Popular e BNG.
Fronte ás críticas, Arca asegurou que a folla de ruta do executivo non cambiará nos próximos meses: “A nosa estratexia é moi simple: seguir traballando, seguir con esta intensidade para que Padrón vaia mellor”.
O alcalde abordou tamén os ataques recibidos a través das redes sociais durante a lexislatura e asegurou que comezan a detectarse novos movementos de contas anónimas. Arca expresou o seu desexo de que a carreira cara ás municipais se desenvolva “nun plan cordial e dun xeito pacífico”, evitando que a confrontación política derive novamente en ataques persoais.
Preguntado directamente polo seu futuro político e pola posibilidade de volver encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE, Anxo Arca remitiuse ao calendario establecido polo Partido Socialista para a elección dos seus candidatos e candidatas. Non houbo, polo tanto, anuncio formal, pero si unha clara declaración de intencións.
“Estou en condicións de poder continuar, véxome con forza, véxome ilusionado e creo que quedan moitos proxectos por concluír e moitas iniciativas que sacar adiante”, asegurou.
Arca quixo, non obstante, poñer tamén en valor o equipo que o acompaña e deixou unha reflexión sobre o carácter colectivo do proxecto: “Calquera dos membros do meu equipo podería ser alcalde ou alcaldesa. Aquí ninguén é indispensable”.
A dimensión política da conversa completouse coa reflexión de Chus Campos sobre o carácter das eleccións municipais. A concelleira considera que nos comicios locais cobra especial importancia a proximidade dos candidatos coa veciñanza. “Nas eleccións locais eu penso que se vota á persoa, porque tes un trato moi directo co cidadán”, explicou, destacando a importancia de falar coa xente na rúa, participar nos eventos da vila e estar dispoñible cando xorden problemas.
A acción municipal non se detén coa chegada do novo curso. O Concello aproveitou o verán para atender diferentes necesidades nos centros educativos, desde traballos de pintura ata a reparación de desperfectos. Entre as actuacións máis destacadas figura a substitución dos canalóns do colexio Rosalía de Castro.
“Estamos con iso durante todo o verán para que ao inicio do curso todos os nosos centros educativos estean a punto”, explicou o alcalde.
E mentres Padrón prepara a volta ás aulas, o Concello xa traballa tamén nunha das citas que gañou protagonismo nos últimos anos: o Nadal. Arca e Campos avanzaron que a campaña está practicamente organizada e mostrouse convencido do potencial da vila para atraer visitantes durante esas datas.
O rexedor mesmo ironizou sobre o avanzado dos preparativos ao lembrar que, paseando pola vila para decidir a colocación dos elementos decorativos, chegou a sentirse “un pouco como Abel Caballero”. “Hai que traballar con tempo para que as cousas vaian ben”, explicou.
Arca defendeu que a aposta realizada nos últimos anos está conseguindo que haxa persoas que se despracen expresamente para coñecer o Nadal padronés e deixou unha declaración coa que resumiu esa ambición: “Entre Santiago e Vigo, o mellor Nadal que hai no medio é o de Padrón”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)