Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 agosto, 2026
José Ramón Romero destaca en Radio Líder Santiago o bo comportamento da actividade durante o verán, anuncia novas actuacións para mellorar o abastecemento de auga e avanza que a primeira residencia do municipio podería iniciar as obras no último trimestre do ano. O alcalde admite que lle gustaría continuar á fronte do Concello, aínda que a candidatura non está oficializada: «O que está claro é que non imos renunciar a gobernar».
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, fixo balance do verán e repasou os principais proxectos que afronta o Concello durante unha entrevista en Radio Líder Santiago na que situou as infraestruturas, o abastecemento de auga, as políticas sociais, a educación e a formación da mocidade entre as prioridades do goberno municipal para a recta final da lexislatura.
Romero cualificou de «moi positivo» o balance da tempada estival pola elevada presenza de visitantes e salientou que este ano o incremento de poboación se deixou sentir antes do habitual. «Xa empezamos a notalo a principios de xuño», explicou o rexedor, quen incidiu no impacto que esta afluencia ten sobre a economía local, «desde a hostalaría ata o comercio».
O aumento de poboación e o elevado consumo tiveron tamén a súa cara máis complicada no abastecemento de auga. Segundo explicou o alcalde, os problemas que outros anos aparecían fundamentalmente en agosto comezaron nesta ocasión xa durante xullo. O Concello chegou a publicar un bando solicitando un uso responsable, especialmente entre as oito e as once da noite, a franxa na que se concentra unha maior demanda.
Romero quixo, con todo, trasladar unha mensaxe de tranquilidade. «Nunca quedaron sen auga os depósitos, pero si houbo falta de presión», puntualizou, explicando que as incidencias se concentraron en lugares concretos, especialmente nas zonas máis elevadas. O goberno local asegura ter identificadas as causas e prepara actuacións para mellorar a rede, en coordinación tamén con outras administracións. «Esperemos que antes do próximo verán teñamos arranxado este tema puntual», afirmou.
O alcalde aproveitou esta cuestión para responder ás preocupacións xeradas polo desenvolvemento das arredor de 900 novas vivendas previstas no municipio. «Naturalmente, esas 900 vivendas non van aparecer dun día para outro», sinalou, lembrando que actuacións urbanísticas desta dimensión requiren unha planificación paralela dos servizos de abastecemento, electricidade e demais infraestruturas.
Máis de dez millóns de euros en actuacións
A obra pública ocupa boa parte da planificación municipal. Romero asegurou que Boiro ten nestes momentos «sobre oito millóns de euros en obras», aos que se engaden máis de dous millóns procedentes das últimas modificacións de crédito financiadas con remanentes municipais. O Concello, segundo explicou, pechara o exercicio anterior cun aforro próximo aos catro millóns de euros e está destinando unha parte destes recursos a novos investimentos.
Entre as actuacións enumeradas polo alcalde figuran melloras viarias e de servizos en Cabo de Cruz, Lampón e Abanqueiro, así como unha intervención no Monte do Sino que permitirá renovar o saneamento, separar as redes de pluviais e incrementar a sección da rede de abastecemento para intentar solucionar os problemas de presión que se repiten durante o verán.
Tamén anunciou un investimento superior aos 200.000 euros para solucionar os problemas de impermeabilización da casa consistorial e destacou o proxecto vinculado á Praza de Abastos, cun investimento de máis de medio millón de euros nun espazo polivalente duns 600 metros cadrados no que se proxecta unha aula gastronómica, contando para a iniciativa con financiamento da Xunta de Galicia.
Outra das novidades será a creación de 80 columbarios no cemiterio municipal de Vista Alegre, unha actuación que, segundo Romero, responde a unha demanda veciñal e se atopa xa en proceso de adxudicación.
Á carteira municipal súmase o vial Berres-Saltiño, pensado para desviar tráfico pesado procedente de Cabo de Cruz e evitar o seu paso polo centro urbano. «Son obras importantes e necesarias para dar servizo aos veciños», defendeu o rexedor, avanzando que o Concello continuará planificando novos investimentos antes de rematar o ano.
A primeira residencia, máis preto
As políticas sociais ocuparon outro dos bloques centrais da entrevista. Romero asegurou que o goberno municipal fixo desta área un dos eixos da súa acción política e anunciou a próxima posta en marcha do proxecto da primeira residencia de Boiro.
A previsión municipal é que as obras comecen durante o último trimestre do ano. O centro estará situado no Saltiño, preto do centro de saúde, e contará con 39 prazas. O Concello prevé formalizar en setembro un convenio e achegar unha subvención nominativa de 150.000 euros para iniciar o proxecto. «É unha boa noticia e algo esperado polos veciños e veciñas», destacou Romero.
O alcalde foi máis alá e revelou que xa existen contactos para unha segunda residencia. «Esperemos que entre finais deste ano e principios do que vén xa poidamos dar unha boa noticia aos boirenses», afirmou, aínda que advertiu de que a operación non depende exclusivamente do Concello.
No ámbito da atención ás persoas dependentes, Boiro mantén aberta unha liña de 70.000 euros destinada á adaptación de vivendas. As axudas poden empregarse para actuacións como ampliar portas ou substituír bañeiras por pratos de ducha e, segundo explicou o alcalde, financian o 100 % do custo ata un máximo de 1.800 euros.
O Concello dispón ademais dun banco de axudas técnicas que atende actualmente arredor de 50 usuarios e que inclúe camas articuladas, grúas e cadeiras de rodas. «Boiro podemos presumir porque temos un departamento de Política Social que funciona moi ben», reivindicou Romero.
Reclamacións á Xunta en materia educativa
Co inicio do curso ás portas, o alcalde repasou tamén as actuacións nos centros educativos e reclamou unha maior implicación autonómica no seu mantemento. Romero cuestionou que os concellos teñan que asumir determinados gastos cando, segundo defendeu, as competencias educativas corresponden á Xunta.
Ao mesmo tempo, recoñeceu e agradeceu o investimento autonómico de máis dun millón de euros no CEIP Praia Xardín, un dos centros públicos máis antigos do municipio e no que, segundo indicou, o Concello viña advertindo de importantes deficiencias desde 2019.
Romero avanzou, non obstante, que continuará trasladando á Consellería outras demandas, entre elas actuacións pendentes no CEIP Santa María do Castro. Sobre a relación institucional coa Administración autonómica, o rexedor foi crítico: «As nosas peticións son de sentido común e, sobre todo, de necesidades». E comparou esa situación coa relación coa Deputación, onde, afirmou, atopou «as portas abertas sempre, independentemente das cores políticas».
O alcalde chegou a denunciar que esa mesma disposición non se produce, ao seu xuízo, na Xunta: «Espero que iso se reverta e que non estean mirando polas cores políticas, senón polas necesidades e os proxectos que presentamos os diversos concellos».
Formación para centos de mozos e unha inserción do 74 %
Romero mostrouse especialmente satisfeito, pola contra, coa colaboración autonómica en materia de formación e emprego. Boiro prepara xunto coa Pobra do Caramiñal e Rianxo un obradoiro de garantía xuvenil destinado á formación de 16 mozos en xardinaría.
O alcalde puxo tamén sobre a mesa os resultados do centro de formación situado no polígono da Espiñeira. Segundo os datos facilitados durante a entrevista, alí fórmanse entre 300 e 400 persoas novas ao ano e acádase unha taxa media de inserción laboral do 74 %. «Estanse movendo máis de dous millóns de euros en formación», destacou Romero, quen neste ámbito agradeceu expresamente o respaldo da Xunta de Galicia.
A política municipal para estudantes inclúe igualmente 8.000 euros en axudas ao transporte: 2.000 euros para desprazamentos dentro do municipio e outros 6.000 para estudantes que teñen que trasladarse fóra, incluídos os que viaxan a Santiago.
«Non imos renunciar a gobernar»
A entrevista pechouse coa mirada posta no seguinte horizonte electoral. Preguntado pola súa continuidade, José Ramón Romero confirmou a súa vontade de seguir, aínda que precisou que a candidatura aínda non está formalizada. «Nunca o ocultei, pero non é oficial», respondeu.
Sobre o resultado ao que aspira, o alcalde recoñeceu que unha maioría suficiente facilita a xestión municipal, aínda que deixou aberta a porta a distintos escenarios. «Non é o mesmo gobernar con maioría absoluta que gobernar en coalición ou en solitario con apoios puntuais. Naturalmente, son máis factibles e máis áxiles todos os procesos», reflexionou.
Romero deixou, finalmente, unha das afirmacións políticas máis contundentes da conversa: «O que está claro é que non imos renunciar a gobernar». A decisión, engadiu, corresponderá finalmente á cidadanía, ante a que o seu equipo terá que render contas da xestión realizada durante os últimos sete anos.
«Temos ilusión, temos proxectos e a traballar, non hai outra», concluíu o alcalde, situando así o goberno de Boiro ante unha recta final de lexislatura marcada polos investimentos municipais, a mellora dos servizos e un escenario electoral que comeza xa a aparecer no horizonte.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)