AD

Actualidad

A Asociación de Periodistas de Santiago celebra o seu 80 aniversario

today16 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) conmemorou este venres na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o seu 80 aniversario nun acto institucional que reuniu en Santiago representantes políticos, académicos e profesionais do sector para poñer en valor oito décadas de historia ao servizo da información e da sociedade, nun contexto marcado polos desafíos da desinformación, a precarización e as ameazas á liberdade de prensa.

A xornada contou coa participación de diversas autoridades e representantes do ámbito comunicativo. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, advertiu sobre a deriva actual do ecosistema informativo ao sinalar que “a verdade cada vez importa menos” e que “vivimos a golpe de tuit”, reivindicando que “unha noticia ben contada é case hoxe un acto de resistencia”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén María Docampo Piñeiro, destacou a traxectoria da entidade como exemplo de “80 anos de historia, compromiso e servizo á sociedade”, mentres que Gloria Rodríguez, en representación de Afundación, subliñou a importancia de conmemorar esta efeméride “en tempos de grandes turbulencias”.

As intervencións centrais do acto puxeron o foco no presente e no futuro da profesión xornalística. A decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Isabel Rodríguez, reivindicou o papel da institución académica na formación de profesionais comprometidos con Galicia e coa lingua galega. Rodríguez lembrou que a facultade naceu coa vocación de “formar futuros xornalistas” capaces de ofrecer unha mirada propia “desde este recunchiño” do noroeste peninsular, e reafirmou o compromiso do centro coa defensa dun “xornalismo feito por xornalistas”, sustentado na formación rigorosa e especializada.

O presidente da Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), Miguel Noceda, definiu o actual contexto como especialmente complexo para a profesión, recoñecendo que os últimos anos estiveron marcados por unha intensa defensa do sector fronte a múltiples crises e desafíos.

Nunha das intervencións máis contundentes, a presidenta da Federación Internacional de Periodistas (FIP), Zuliana Lainez, alertou sobre a situación global que atravesa o xornalismo, marcada polos asasinatos de profesionais, o encarceramento de informadores e a crecente presión de poderes económicos sobre os medios. Lainez insistiu en que “o xornalismo é busca da verdade” e advertiu dunha corrente internacional que procura debilitar ese principio mediante a compra de medios por parte de grandes fortunas, a desaparición de redaccións profesionais e a promoción de modelos de comunicación orientados á axitación e á polarización. Fronte a isto, defendeu a organización colectiva da profesión como ferramenta esencial de resistencia e protección democrática.

Desde o Concello de Santiago, a concelleira de Turismo e Capital Cultural, Míriam Louzao, puxo en valor o vínculo histórico entre Compostela e o xornalismo, lembrando que a cidade alberga a única facultade de xornalismo do noroeste peninsular e que esa condición reforza o seu papel como referente e espazo de acollida. Louzao destacou que o xornalismo actual afronta retos que cuestionan “o tempo necesario” para garantir procesos informativos baseados na veracidade e no pluralismo, ao tempo que salientou que os 80 anos da APSC representan tamén unha memoria viva da evolución simultánea da cidade e da profesión.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *