AD

Actualidad

A Aula CeMIT de Ames organiza oito cursos formativos para rapaces e adultos

today11 diciembre, 2023

Background
share close
AD
  • Seis cursos dirixidos á rapazada e dous cursos para adultos
  • Os contidos céntranse no manexo de ferramentas dixitais como o programa LibreOffice Writer ou na introdución á mecanografía, entre outros

Ames, 5 de decembro de 2023.- A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa en 2024 con seis cursos dirixidos á rapazada e dous cursos para adultos. Os contidos céntranse no manexo de ferramentas dixitais como o programa LibreOffice Writer ou na introdución á mecanografía, entre outros. A inscrición en calquera dos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono  682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

Os cursos da aula CeMIT para estas últimas semanas do ano e os primeiros meses de 2024 abarcan contidos tanto para rapaces como para adultos, con contidos orientados tanto persoas que descoñecen o mundo da rede como para aqueles que busca mellorar o seu dominio das ferramentas dixitais.

Cursos para adultos

A primeira das formacións ofertadas pola aula CeMIT para adultos é “Iniciación á Internet!”, que se impartirá mércores e xoves de 10:00 a 12:00 horas desde o 16 de xaneiro ata o 14 de marzo. Este curso de iniciación, que ten un carácter presencial, parte do máis básico: aprenderanse conceptos como o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos, xestión e traballo con Sistema Operativo para crear documentos. O que se busca con esta formación é que os alumnos lle perdan medo ao ordenador.

Nesta liña ofértase tamén o curso telemático “Procesador de textos LibreOffice Writer-Dende a casa”, que se desenvolverá luns e mércores de 16:30 a 18:00 desde o 15 de xaneiro ata o 21 de febreiro. Trátase dun curso de 18 horas a través de YouTube que servirá como introdución e chegará a un nivel medio no uso do uso deste procesador de textos. No temario destacan o formato de carácter, parágrafo e páxina; a inserción de toda clase de elementos (imaxes, formas, ligazóns, cadros de texto) e formato avanzado como a configuración de cabeceiras e rodapés, estilos, índices e campos automáticos, páxina de portada ou obxectos OLE. Para seguir este curso só será preciso matricularse e asistir ao directo en YouTube a través do ordenador. O luns pola mañá, antes do comezo de cada formación, enviarase por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada unha das sesións.

Cursos para rapaces

Os nenos e nenas tamén contan cun espazo de formación na aula CeMIT. Entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro haberá un curso de postais de Nadal, dirixido a nenos entre 5 e 7 anos. Impartirase os martes, de 10:30 a 12:00 horas, e estará centrado nos máis pequenos, co obxectivo de que coñezan o mundo da informática creando postais de Nadal co programa Paint.

Nesta mesma liña impartiranse outros dous cursos de Nadal para rapces. O curso “Postais de Nadal Pixelart”, dirixido a nenos entre 8 e 10 anos, impartirase os mércores desde o 27 de decembro ata o 3 de xaneiro, en horario de 10:30 a 12:00 horas. Nel aprenderán a facer debuxos de Nadal con programas pixelart (debuxos de baixa resolución semellantes aos dos videoxogos clásicos). Ademais, empregaranse weapps, polo que non será preciso instalar nada no caso de que os rapaces queiran practicar na súa casa. Unha temática similar ten o curso “Postais de Nadal animadas con Scratch”, dirixido a rapaces de entre 10 e 14 anos, que se impartirá os xoves desde o 28 de decembro ata o 4 de xaneiro en horario de 10:00 a 12:00 horas. Nel aprenderán as bases para crear unha postal de Nadal animada, a modo de felicitación de ano novo.

Por outra banda, ofértanse dous cursos de mecanografía. Ámbolos dous se desenvolverán entre o 18 de xaneiro e o 21 de marzo. Para menores de 10 anos, impartirase os xoves , de 17:00 a 18:00 horas; mentres que para os maiores de 10 anos desenvolverase ese mesmo día en horario de 18:00 a 19:00 horas.

Ademais, ofértase un último curso de informática de nivel medio, dirixido a rapaces maiores de 9 anos. Impartirase os martes, desde o 16 de xaneiro ata o 19 de marzo, en horario de 17:15 a 18:45 horas. Nel os alumnos achegaranse ao uso avanzado do navegador web e a busca en Internet, ademais de introducir o manexo do correo electrónico, a busca na Wikipedia e o traballo en equipo na nube.

Para matricularse en calquera destes cursos, os menores de idade deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT. A inscrición pode facerse a través desta ligazón.

 

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%