Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 septiembre, 2024
11 de setembro de 2024.- A concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo, e o artista José Luís Veiras Manteiga, inauguraron na noite de onte a mostra “Novos Vieiros”, que poderá ser visitada ata o vindeiro 30 de outubro na sala de exposición da Casa da Cultura lousamiá. “Unha mostra que inclúe 41 cadros, a maioría pintados no 2023, e que son unha especie de diario persoal do autor. Un camiño de expresión que nos achega á súa obra a través de diferentes vivencias persoais”, indicou a concelleira durante o acto de inauguración.
Agrafojo salientou que para o Concello de Lousame “é un orgullo contar con artistas como Veiras Manteiga ou Alfonso Costa, veciños xenerosos que tanto teñen que ofrecer a Lousame e cunha traxectoria artística e vital tan relevante”. Veiras Manteiga estivo arroupado polo artista Alfonso Costa; Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado de Ribeira; e polos concelleiros de Economía, Esteban Ares García; Deportes, Mariel Agrafojo Nieto; e Seguridade Viaria, José Antonio Ces Barreiro.
Traballo
Na súa intervención, Veiras Manteiga explicou que aínda ten moitos máis cadros como os que compoñen esta exposición e que “podería seguir facendo máis pero xa teño outra cousa na cabeza. E vou seguir traballando, que senón abúrrome”. De feito, bromeou cos presentes dicindo que os amigos lle dixeran “pensei que morreras”, cando o que pasaba era que estaba traballando no seu estudo na aldea de Camboño (Lousame).
Así mesmo, tivo un momento de complicidade co seu amigo e veciño Alfonso Costa, quen contou unha anécdota sobre como “sempre que falo meto a pata, porque mesmo presentei un texto que me enviou Ayaso dende o outro mundo”. Neste senso, Veiras Manteiga desexou: “Gustaríame soñar coma ti e que se me aparecera alguén que me dixera: pinta isto. Pero que non fora Ayaso, que fora Picasso”.
Pola súa banda, Alfonso Costa presentou a Veiras Manteiga como “un traballador impecable, non comete erro ningún. Busca un camiño a seguir, como facemos todos os artistas, e el o traduce en marabillas, nunhas pinturas máxicas, nunhas paisaxes que non existen na realidade… pero que existen en Camboño”. Así mesmo, animouno a que “siga traballando porque está rompendo moldes. Dende o comezo está rompendo co camiño e está buscando un camiño. E creo que acertou e está visualizando outros mundos. E doulle as grazas por iluminarnos porque así nós podemos tamén facer algo distinto”.
Finalmente, Xoán Pastor Rodríguez salientou que “a arte de Veiras Manteiga é unha arte enérxica, creativa, de temas ben delimitados, de cores potentes, de planos marcados pero tamén de desexo innovador, de compromiso, de querer facer o futuro agora, amosar coa cor o estado primixenio da conciencia onde as cores acontecen dando lugar á vida, como dicía a poeta Eva Veiga”. Ademais, fixo entrega ao Concello de Lousame dun libro editado polo Museo do Gravado de Ribeira co gallo da inauguración desta exposición.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)