Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 junio, 2026
O Concello da Estrada celebrará mañá a segunda edición do Día do Mestre, unha iniciativa creada para render homenaxe aos mestres e profesores que acceden á xubilación nos centros educativos do municipio. O acto terá lugar no MOME ás 13.30 horas.
O recoñecemento está dirixido aos profesionais da ensinanza que se xubilan durante o presente curso académico. Para a organización deste evento, o departamento municipal de Educación contactou con todos os centros educativos da Estrada, incluídos colexios, institutos, o Conservatorio Profesional de Música e a Escola de Música.
Ao tratarse dunha homenaxe de carácter completamente voluntaria, non todos os docentes convidados participarán nesta edición. Con todo, a maioría aceptou o convite institucional.
Nesta ocasión asistirán seis mestres e profesores pertencentes ao IES Manuel García Barros, CEIP Pérez Viondi, CEIP Villar Paramá, CEIP O Foxo e IES Avelina Valladares. As persoas homenaxeadas serán Miguel Ángel Carbajal Porto, María Ángel Carballo García, María Jesús Tato Carbajales, Victoria Bernárdez Mallo, Xosé Luna Sanmartín e María Hortensia Rodríguez Vicente.
O Día do Mestre naceu coa vontade de ofrecer un recoñecemento público á traxectoria profesional dos docentes que conclúen a súa etapa laboral nos centros educativos da Estrada, destacando a súa contribución á formación de xeracións de alumnos e ao desenvolvemento da sociedade.
Como xa acontecera na primeira edición, o Concello escolleu o remate do curso escolar para celebrar esta homenaxe, converténdoa no broche simbólico do ano académico, nun momento no que os centros educativos xa remataron a súa actividade lectiva.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)