Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Xa están en marcha as actividades preparatorias da Festa do Banquete de Conxo, que se celebrará do 22 ao 24 de maio. O centro sociocultural de Conxo acolleu onte a primeira reunión da comisión de participación do evento, da que fan parte asociacións veciñais e culturais de todo o municipio.
Como nas edicións anteriores, o Concello convida á veciñanza de Santiago a participar activamente na organización e na dinamización da Festa do Banquete de Conxo. Para iso, a través da rede de Centros Socioculturais volveu convocarse a comisión de participación, da quen fan parte representantes de diferentes entidades veciñais e culturais de todo o municipio.
Ademais, como en anos anteriores volven organizarse os obradoiros de confección de vestimenta, tanto de traxes tradicionais como de traxes de época, co obxectivo de animar á veciñanza a acudir á festa caracterizada e lograr unha maior ambientación no evento. Os obradoiros, a cargo de Bety Busto, desenvolveranse alí onde haxa un grupo de persoas interesado.
Outra vía para a participación na Festa do Banquete será a través do desfile teatralizado do domingo, 24 de maio, ao que están convidados todos os grupos ou colectivos de teatro afeccionado de Santiago, e en particular da rede de centros socioculturais. Tamén poderán participar grupos de mozos e mozas, que no desfile se caracterizarán como estudantes e que terán unha acción definida dentro do desfile teatralizado do domingo.
Para calquera información adicional sobre a programación participada da Festa do Banquete de Conxo, as persoas interesadas poden dirixirse ao mail informacioncsc@santiagodecompostela.gal
Mercado do libro
Desde hoxe, e ata o 30 de abril, está aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar no Mercado do Libro que se desenvolverá na praza Aurelio Aguirre coincidindo coa Festa do Banquete de Conxo.
O Mercado do Libro, impulsado polo departamento de Comercio, celebrarase o sábado 23 e o domingo 24 de maio, en horario de mañá e tarde. Nel poderán expoñer e vender os seus produtos librarías, editoriais e outros sectores vinculados ao libro e a ilustración. O Concello habilitará e acondicionará un espazo cuberto para un máximo de 20 postos, cunha superficie orientativa de 4 metros cadrados cada un deles. Ademais, o mercado contará con actividades complementarias de dinamización, e os expositores e expositoras poderán propoñer ao Concello a realización de actividades como recitais ou presentacións literarias ou artísticas.
O criterio de selección de solicitudes será a orde de entrada en rexistro, dándoselle prioridade ás persoas solicitantes con enderezo social no municipio de Santiago de Compostela. As persoas interesadas poderán solicitar a información complementaria que precisen para valorar a súa participación no seguinte contacto: comercio@santiagodecompostela.gal
Postos de polbeiras
Tamén está aberto desde hoxe o prazo para solicitar autorización para a instalación de tres postos de polbeiras, que terán unha dimensión de 15 x 5 metros. Os postos terán carpa e estará ubicados nas zonas asignadas a tal efecto no recinto do Bosque do Banquete, o día 24 de maio.
A solicitude pode realizarse a través do trámite da sede electrónica do Concello de Santiago “Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias”. A data límite de presentación de solicitudes será o día 30 de abril.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)