AD

Comarca

A Festa do Salmón da Estrada consolida o seu renacer cun éxito masivo

today18 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello da Estrada realizou un balance moi positivo da 52ª edición da Festa do Salmón, destacando a consolidación do novo modelo impulsado en 2025 e o éxito de participación acadado nesta edición. O regreso da degustación popular á Praza da Constitución e a aposta por manter o ambiente festivo durante toda a xornada confirmáronse como dous dos grandes acertos dunha celebración que volveu ateigar as rúas da vila.

A elevada resposta do público levou a esgotar practicamente as preto de 6.000 racións preparadas, o que fai que o goberno local valore xa un novo incremento para a próxima edición, coa intención de achegar a degustación ás 7.000 racións.

O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, destacou que o formato renovado “conecta co que o público agarda da Festa do Salmón”, incidindo no éxito do tardeo e da actuación da orquestra París de Noia, que contribuíron a manter un gran ambiente durante toda a xornada.

Outro dos datos máis destacados desta edición foi a implicación récord da hostalería local, con 18 establecementos participantes, a cifra máis alta rexistrada ata o momento. O Concello considera que este compromiso foi clave para reforzar a capacidade da degustación popular e consolidar o crecemento sostido da festa.

Pola súa banda, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, subliñou que “a Festa do Salmón é unha celebración viva, que medra e evoluciona sen perder a súa identidade”, agradecendo tanto a participación cidadá como o esforzo realizado pola hostalería.

O goberno local valorou tamén moi positivamente a parte institucional da celebración, cun Teatro Principal cheo durante o pregón e a entrega das insignias Salmón de Ouro. Tanto o alcalde como o concelleiro coincidiron en destacar o acerto da elección de Fernando Romay como pregoeiro, salientando o ton próximo, emotivo e cheo de humor da súa intervención. Tamén fixeron referencia ao papel desempeñado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante o acto institucional.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *