AD

Destacado

A Policía Nacional incorporará 40 axentes para reforzar a seguridade en Santiago

today3 junio, 2026

Fondo
share close
AD

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, presidiron a Xunta Local de Seguridade convocada para repasar os detalles do dispositivo especial por mor do festival O Son do Camiño 2026. Na xuntanza, na que tamén participou o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, avaliáronse os últimos datos sobre seguridade cidadá e tomouse coñecemento do próximo reforzo de efectivos da Policía Nacional en Compostela.

A alcaldesa reiterou que “a seguridade cidadá é un tema que nos ocupa e preocupa, no que se está a facer un importantísimo traballo de coordinación entre as diferentes administracións e forzas e corpos de seguridade que queremos seguir intensificando”. Goretti Sanmartín insistiu en que os datos avaliados na reunión “indican que Santiago é unha cidade relativamente segura, mais entendemos a preocupación veciñal e a súa demanda dunha maior intensificación da vixilancia nalgunhas zonas”. Por este motivo, apuntou, “como Concello solicitamos un reforzo de efectivos, co obxectivo de garantir a sensación de seguridade e lograr actuacións máis efectivas, sabendo que hai problemáticas que precisan actuacións máis transversais e de longo percorrido”. A alcaldesa quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza porque “estase actuando, seguirase actuando, e haberá un incremento de efectivos tanto da Policía Nacional como da Policía Local”.

Reforzo da Policía Nacional

Pola súa parte, o subdelegado do Goberno na Coruña insistiu en que “Santiago ten índices obxectivos de criminalidade que nos permiten estar relativamente tranquilos, pero somos sensibles tamén ás sensacións subxectivas da veciñanza”. Por iso, Julio Abalde avanzou que nas próximas semanas vanse incorporar 40 efectivos á comisaría da CNP en Santiago, tanto a través de concursos de traslados como policías en prácticas. Tamén expresou a vontade da Policía Nacional de establecer reunións estables coas asociacións veciñais, e pediu a colaboración da cidadanía na comunicación de todos os incidentes dos que teñan coñecemento.

Descenso da criminalidade

Segundo os datos avaliados na Xunta Local de Seguridade de hoxe, facilitados pola Policía Nacional, os principais indicadores de criminalidade están a ter unha evolución positiva en Santiago no que levamos de ano. En conxunto, as infraccións penais rexistradas no municipio reducíronse un 15%, unha evolución que o subdelegado valorou positivamente e que atribuíu ao traballo coordinado das distintas forzas policiais e á colaboración cidadá.

Entre os datos máis destacados figura o descenso do 23% nos delitos contra as persoas, a redución do 11% nos delitos contra a liberdade sexual e a caída do 90% nos roubos con forza en establecementos. Tamén baixan os delitos contra o patrimonio nun 14%, os delitos graves e menos graves nun 23% e os delitos leves nun 13%.

Festival O Son do Camiño

Na Xunta Local de Seguridade analizáronse as medidas de coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Policía Local, a Policía Nacional Adscrita, a Garda Civil e o Concello de Santiago, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento do festival O Son do Camiño, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de xuño.

O dispositivo previsto, avalado pola experiencia das edicións anteriores, contará cun importante reforzo de efectivos e medios especializados, coa participación de 200 efectivos en cada xornada do festival. A Policía Nacional mobilizará unidades como a Unidade de Intervención Policial (UIP), a Unidade de Prevención e Reacción (UPR), TEDAX, Información, Policía Xudicial e a Brigada Móbil, que prestará servizo na Estación Intermodal. Ademais, despregaranse medios aéreos, incluídos drons e sistemas antidrón, así como a Unidade de Guías Caninos.

Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, confirmou que os dispositivos de mobilidade serán similares aos de anos anteriores, con algunhas melloras no que tén que ver co acceso ás persoas residentes na contorna do Monte do Gozo. Tamén se manterán os reforzos de transporte público.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *