AD

Comarca

A XXVIII Festa da Troita de Oroso reivindica identidade, participación xuvenil e ambición cultural

today26 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  •  Do 8 ao 10 de maio, Sigüeiro acolle unha programación diversa con máis de 800 quilos de troita, grandes orquestras e o pregón a cargo do alumnado do IES Oroso onde reivindicarán que “o luns despois da Troita sexa festivo local”

A Festa da Troita encara a súa 28ª edición consolidada como “a fin de semana máis importante do Concello”, en palabras do alcalde Álex Doval, quen destacou na súa intervención en Radio Líder Santiago o carácter identitario dunha celebración que “non só pon en valor un produto, senón que é un punto de encontro para veciños e visitantes”. A cita celebrarase o venres 8, sábado 9 e domingo 10 de maio, cun programa que combina gastronomía, música, tradición e participación cidadá.

Un dos eixos principais desta edición será novamente o protagonismo da mocidade. O pregón correrá a cargo de 14 alumnos do IES Oroso, nun formato que o goberno local consolidou desde 2024. “Non fai falta traer a ninguén de fóra para dar pregóns, témolos na casa”, reivindicou Doval . Pola súa banda, o director do centro, Jorge Otero, subliñou o valor educativo da experiencia: “Romper esa barreira escénica diante de centos de persoas é complicado, pero tamén é unha aprendizaxe moi valiosa”.

Un pregón con mensaxe: humor, reivindicación e identidade

Os propios alumnos avanzaron que o discurso incluirá agradecementos, pero tamén algunha “pulla” en clave de humor. Entre as propostas máis comentadas, unha petición directa ao goberno local: “o luns despois da festa da Troita debería ser festivo” .

“Falamos todos e escollemos as mellores ideas, despois escribímolo entre todos”, explicaron os estudantes, que contaron co apoio do profesorado. O pregón incluirá tamén mensaxes de inclusión e referencias á realidade do alumnado, seguindo a liña xa iniciada en edicións anteriores.

Máis de 800 quilos de troita e unha programación para todos os públicos

A dimensión gastronómica segue sendo clave. O Concello repartirá máis de 800 quilos de troita, de forma gratuíta en degustacións o sábado pola tarde e o domingo ao mediodía . Ademais, máis de 30 establecementos hostaleiros sumaranse ofrecendo este produto como tapa.

A concelleira de Cultura, María Requejo, destacou o esforzo organizativo: “É unha festa que implica a todo o Concello, desde a hostalería ata o persoal municipal”.

O programa inclúe:

O alcalde insistiu na idea de reforzar o sentimento de pertenza: “Estamos a traballar nun proxecto de identidade e orgullo de ser de Oroso, e esta festa é un elemento que nos une”.

Neste sentido, tamén destacou a colaboración institucional e privada, agradecendo o apoio de entidades como a Deputación, a Xunta e empresas colaboradoras. “De ben nacido é ser agradecido”, afirmou.

Pola súa banda, o director do IES puxo en valor a conexión entre o centro educativo e o Concello: “Calquera cousa que se pide, está feita ao día seguinte. Non sempre pasa isto noutros sitios”.

Os alumnos pregoeiros amosáronse ilusionados e satisfeitos co cartel: “Está moi chulo, este ano imos pasalo moi ben” . Na súa mensaxe final, convidaron á participación masiva: “Invitamos a toda a xuventude, de onde sexa, a que veña e o pase ben” .

E engadiron unha chamada ao civismo: “Que haxa sentido para que sexa unha festa de disfrute sen complicacións”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *