Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 abril, 2026
A concelleira socialista critica a “parálise” do Goberno municipal e defende unha oposición “constructiva e moderada”, mentres abre a porta a formar parte da próxima candidatura
A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, realizou unha análise crítica da situación política e da xestión municipal durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, na que reclamou maior transparencia, planificación e diálogo por parte do Goberno local. Ao longo da conversa, Abal debullou os principais problemas que, ao seu xuízo, afectan á cidade, desde obras paralizadas ata a política de vivenda ou o estado dos servizos públicos, ao tempo que reivindicou o papel do PSOE como unha oposición “responsable e facilitadora” .
Un dos asuntos centrais foi a paralización das obras na rúa García Lorca, unha actuación de gran envergadura que supera o millón de euros. Abal denunciou a falta de información por parte do Executivo local: “Non pode haber baixo ningún concepto falta de transparencia. As veciñas e veciños queren prazos concretos”, subliñou, incidindo en que a obra leva “case tanto tempo parada como estivo en marcha” . Neste sentido, advertiu de que esta situación evidencia unha das principais críticas ao Goberno: a dificultade para comunicar e dar explicacións á cidadanía.
🎙️@abal_marta en @radioliderstgo
Santiago non pode seguir cun goberno paralizado:
♻️ Contratos que non se cumpren
🛣️ Falta de mantemento nas rúas
🚒 Servizos en crise
🏘️ Alugueiros disparados
💧 Sen solución para o contrato da augaAnálise directa da situación actual👇🏻 pic.twitter.com/r0WIA4HyiR
— PSdeG Santiago de Compostela (@psdegsantiago) April 16, 2026
A edil socialista tamén mostrou a súa preocupación pola situación do rural compostelán, tras o debate xerado pola posible segregación dunha parroquia. “Claro que é preocupante que haxa composteláns que queiran deixar de selo”, afirmou, sinalando que a solución pasa por “planificación con fitos concretos e diálogo coas veciñas e veciños” . Neste ámbito, criticou tamén a xestión do transporte público, asegurando que non abonda con aumentar o investimento: “Non só hai que gastar máis, hai que gastar ben”.
A entrevista deixou tamén unha visión moi crítica coa xestión global do Goberno municipal, ao que acusou de estar “paralizado no día a día da mala xestión”. Abal puxo como exemplo problemas na limpeza, no mantemento viario ou na xestión da auga, así como a crise en servizos como os bombeiros, a Policía Local ou os centros socioculturais. “Non son capaces de xestionar o básico e, en consecuencia, tampouco poden desenvolver políticas transformadoras”, afirmou con contundencia .
En materia de vivenda, cualificou de “alarmante” a situación actual, destacando o incremento do alugueiro e a insuficiencia das medidas propostas polo Goberno local. “Hai máis de 1.700 demandantes e só se propoñen nove vivendas. Iso non resolve o problema”, advertiu, defendendo a necesidade dun banco público de vivenda e dunha empresa municipal que impulse políticas estruturais .
No plano político, Abal reivindicou o papel do PSOE como forza útil: “Estamos para todo o que precise o Goberno sempre que sexa bo para Santiago”, insistiu, fronte a un Partido Popular ao que acusou de actuar baixo a lóxica de “canto peor para Santiago, mellor para eles” . Ao mesmo tempo, fixo un chamamento á moderación nun contexto de crecente polarización, alertando do deterioro do debate público, especialmente nas redes sociais: “Non se poden tolerar os insultos”.
A parte final da entrevista estivo marcada pola mirada ao futuro político. Abal confirmou o seu interese en formar parte da próxima candidatura socialista: “Eu, desde logo, quero estar”, afirmou con claridade, aínda que matizou que o fundamental non son os nomes: “Máis importante ca a persoa candidata é o proxecto” . A concelleira defendeu a necesidade de construír unha proposta sólida que permita “situar Santiago á altura do que é a capital de Galicia”.
Finalmente, insistiu en que o principal reto do PSOE será mobilizar o electorado e recuperar apoio social, cun traballo “de proximidade, escoita e construción colectiva”. “O máis importante é convencer á cidadanía co noso proxecto”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
actualidade marta abal politica PSgG-PSOE Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)