AD

Actualidad

Aberto o prazo para solicitar praza no programa integrado de emprego de Ames e Brión

today20 diciembre, 2023

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • Os Concellos de Ames e Brión poñen en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Ata o día 12 de xaneiro está aberto o prazo para solicitar praza no programa integrado de emprego 2023-2024
  • Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, idiomas e novas tecnoloxías
  • O pasado 16 de novembro rematou a edición 2022-2023, superando o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes chegando case ao 50%
  • A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima “á veciñanza dos concellos de Ames e Brión, que cumpran cos requisitos esixidos, a inscribirse no programa integrado de emprego porque ten un gran porcentaxe de inserción, algo que en gran medida é grazas ao bo traballo do persoal municipal de ambos Concellos”

Ames, 20 de decembro de 2023.- Os Concellos de Ames e Brión poñen en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Ata o día 12 de xaneiro está aberto o prazo para solicitar praza no programa integrado de emprego 2023-2024. Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, idiomas e novas tecnoloxías. O pasado 16 de novembro rematou a edición 2022-2023, superando o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes chegando case ao 50%.

O novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de xaneiro e novembro de 2024. Está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 216.610,00 euros e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima “á veciñanza dos concellos de Ames e Brión, que cumpran cos requisitos esixidos, a inscribirse no programa integrado de emprego porque ten un gran porcentaxe de inserción, algo que en gran medida é grazas ao bo traballo do persoal municipal de ambos Concellos. Na edición que acaba de rematar un total de 48 participantes tiveron un ou varios contratos ao longo do programa. Deste xeito, superouse amplamente o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes”.

Para participar no programa as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:
-Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
-Persoas maiores de 45 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
-Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.

Actividades

As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, idiomas (inglés) e novas tecnoloxías, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e comunicación, marca persoal, etc.

Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que podan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.). Ademais poderán realiza prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.

Bolsas e axudas á conciliación

As persoas que formen parte do novo programa integrado de emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 euros/día pola asistencia ás diversas accións do programa.

Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes. O programa desenvolverá as actividades no Centro de formación e emprego do Concello de Ames, que está situado na rúa Costaneira, número 2, na urbanización de Aldea Nova.

As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos pinchando neste enlace . Para ampliar información sobre o programa poden contactar no enderezo de correo electrónico inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María Lloves) e 663 771 876 (Pablo Bello).

Balance da edición 2022 – 2023

O pasado 16 de novembro rematou a edición 2022-2023, superando o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes chegando case ao 50%. Ao longo do programa desenvolvéronse seis itinerarios formativos de carácter sectorial, nos que se incluían diferentes cursos: actividades para a infancia e a xuventude, actividades de comercio e atención ao público, xestión e organización do almacén, turismo, limpezas xerais, e novas tecnoloxías.

A realización de prácticas non laborais en empresas, vinculadas á formación sectorial, é unha das actividades con mellores resultados para a inserción laboral e que conecta ás persoas participante co tecido empresarial, sendo en moitos casos a súa primeira experiencia laboral. Así, 48 participantes desenvolveron a súa actividade de prácticas froito da sinatura de convenios de colaboración para a realización de prácticas dos cursos de “Operacións básicas de comercio”, “Organización e xestión de almacén”, “Monitorado de ocio e tempo libre”, “Monitorado de comedor escolar” e “Recepción e atención ao cliente en establecementos de aloxamento” e “Operacións básicas de limpezas xerais” en diferentes empresas da comarca pertencentes a distintos sectores de actividade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%